Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Constructor da nación

Correspóndelle a Manoel Soto o mérito de presidir a corporación municipal viguesa que converteu a estrada de Samil en Avenida Castelao. O pobo de Vigo asumiu velozmente a nova denominación ao tempo que esquecía para sempre os nomes franquistas de José Antonio, Felipe Sánchez, Capitán Carreró, General Mola, e outros polo estilo. Castelao foi aceptado como figura central e simbólica da democracia e da nación galega. Moitos anticomunistas dixeron respectar a figura de Castelao esquencendo ou ignorando a identificación do noso líder con Stalin en todo o que se refere á condición nacional, á relevancia do factor lingüístico e ao dereito de autodeterminación das nacións sen estado. Fraga Iribarne levou o pensamento político de Castelao perante o TOP, que o condenou, e impulsou, coma condecoración autonómica, a Medalla Castelao.

As forzas políticas todas da Transición ou Reforma, refractarias por vísceras á idea de República e máis aínda de República Federal e de República Galega, trouxeron en consenso o corpo de Castelao de Bos Aires e díronlle controvertida sepultura no Panteón de Ilustres de Bonaval. Alí o segue, e, na actualidade, usurpado o espazo cívico polo arcebispado de Compostela. Castelao é, con Rosalía e con Curros Enríquez, imaxe permanente que representa a Galicia histórica e nacionalitaria, e, tamén, na patria dos independentistas que saben que o Guieiro habitou sempre en latitudes distantes do arredismo.

Os fillos de Líster, de tanto lle sentir falar ao seu pai de Castelao, pensaban, de nenos, que o nacionalista pertencía o PCE. Os partidos UCD, AP e o PP non esqueceron retocar con tintes de Castelao a súa adaptación escenográfica a Galicia e souberon achegar medidas doses de Brañas e outros.

As fracións galeguistas de centro-dereita saben distanciarse con arte dos aspectos frentepopulistas e republicanos de Castelao. Non hai forza política máis de Castelao que o BNG, pero o republicanismo innegociábel e a convición de unidade popular das esquerdas que o dirixente levou ás derradeiras consecuencias son eludidas tacticamente no discurso político deste nacionalismo parlamentariamente hexemónico en Galicia.

O dito ven a conto porque Galaxia e o Consorcio de Santiago acaban de sacar á luz o tomo II da biografía de Castelao da que é autor Miguel Anxo Seixas Seoane, quen leu todo e pescudou todo e todo sabe ao respecto da traxectoria vital, artística e política de Castelao: Castelao constructor da nación (1931-1939). Trátase dunha obra que se manifesta a altura dunha figura excepcional que estivo activa e ao servizo de Galicia até o intre derradeiro e que aínda, despois de morto, seguiu e segue influíndo.

Compartir el artículo

stats