Nestes últimos meses puidemos observar en Redondela como un icono da nosa historia viva recuperouse.

É certo que nas últimas décadas, perdéronse moitas mostras arquitectónicas que nos definían como Vila, mais a recuperación do Cemiterio Municipal dos Eidos foi un exemplo de acordo da anterior Corporación Municipal por unanimidade. A moción recollía unha reivindicación da veciñanza e de colectivos de Redondela, que levaban lustros loitando polo camposanto.

Unha das grandes satisfaccións políticas que tiven como concelleiro foi a de redactar e defender esta moción, xa que era de obriga. Os Eidos é a nosa historia, aí están ou estiveron soterrados os nosos antepasados. Porén, non podemos esquecer o valor arquitectónico e histórico dos que alí xacen dende 1833: a historia está representada por grandes homes e mulleres.

No noso rueiro temos moitos nomes dos que alí xacen: Isidoro Queimaliños, Ernestina Otero, Telmo Bernárdez, Alejandro Otero, Xeneral Rubín, dos que temos biografías pero temos a moitos esquecidos e moitas esquecidas.

Temos a sorte de contar con traballos escritos por: Gonzalo Amoedo, Roberto Gil, José Martínez, Manuel Puga, Isaac Araújo, o SEREN con Carlos Antuña e José Antonio Orge, Alén Nós, o finado Amado Ricón? que xa veñen traballando a recuperación histórica dos que alí xacen, así como do valor arquitectónico como Cemiterio Municipal.

Recollendo as verbas do FARO DE VIGO no día da inaguración, a alcaldesa comprometeuse a desenvolver distintas iniciativas. Situación que é moi positiva, xa que está presente na axenda municipal.

No debate da moción, expuxeronse dous exemplos de cemiterios como o dos Prazeres de Lisboa e o da Almudena de Madrid. Non poden ser comparables pero si se pode aplicar a súa filosofía.

Dende o 2017 a Deputación escolleu a "Os Eidos" como un dos seis camposantos de toda a provincia para a ruta de espacios singulares, en sintonía coa resolución da Ruta Europea dos Cemiterios do Consello de Europa de 2010.

Finalmente e a modo de reflexión final, os representantes da cidadanía non poden permitir atropelos contra o noso patrimonio. Dende as institucións tense que aplicar a máxima protección e poñer os medios para aplicar a lexislación vixente. Tivemos exemplos denunciados nas altas institucións do Estado, como foi a rotura das cornisas de pedra para a colocación das catenarias no Viaducto de Pontevedra. E que a empresa concesionaria tivo que repoñer. Non podemos permitir perder máis patrimonio.

*Ex concelleiro de Redondela