Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

De bombas, sputniks e vacinas

Como, con toda certeza, han de coñecer dabondo os lectores destas liñas., hai xa algunhas semanas que o presidente da Federación Rusa, Vladimir Putin, anunciou urbi et orbi a creación dunha vacina contra a covi19: "Sputnik V", velaí o afouto nome do novo remedio. "Pura e dura mentira"; "de certo que ten efectos secundarios terribles"; "é imposible que os rusos teñan iso...": escepticismo e desconfianza, cando non puro desprezo, tal foi a reacción entre nós de moita xente, así (supostos) expertos como leigos de diversa clase e condición, diante da proclama. Nin que dicir ten, teñen -temos- motivos razoables para semellante descreto?

De terse efectuado unha enquisa, na primavera do ano 1945, entre físicos, matemáticos... especialistas armamentísticos de todo o mundo respecto da posibilidade/non posibilidade da aparición dunha inmediata bomba atómica, é moito máis que plausible que a maioría dos mesmos se inclinasen por esa mesma resposta que o Dr. Yoshio Nishina -unha das eminencias científicas do Xapón da época, amigo de Bohr e cercano a Einstein- lle deu ás autoridades do Imperio do Sol Nacente: "unha bomba atómica é algo crible, pero resulta resulta moi improbable que os Estados Unidos poidan desenvolver un enxeño así, que poida ser utilizado durante o actual conflito". O que é máis: nin sequera o presidente Harry S. Truman -como é ben sabido, foi el que puxo asinatura ao emprego da bomba sobre Hiroshima e Nagasaki- tivo coñecemento da existencia do "Proxecto Manhattan" ata apenas uns meses antes de suceder na Casa Branca a F.D. Roosvelt.

Porén, as incredulidades non por iso foron a menos. Deste xeito, cando a Unión Soviética estalinista advertiu de que, a fins de agosto de 1949 -é dicir, tres anos por diante da "Hurricane" británica e once! con antelación á "Gerboise Bleue" dos franceses-, fixera estoupar o seu primeiro artefacto nuclear en Semipalatinsk (terras de Kazaxistán), outra volta foron todo un feixe, ou varios feixes, aqueles "expertos" que deron en negar a evidencia. E é que, polo visto, unha cousa viña ser que, a forza de millares de mortos, o Exército Vermello fose quen de derrotar a todopoderosa maquinaria militar do III Reich en Stalingrado, e outra moi diferente que un país atrasado, inculto, semibárbaro... puidese igualar os poderes norteamericanos ou superar o Imperio Británico. Mais semellante desdén foise tornar crise, histeria e compulsión abertas cando o Spunik-1 cruzou os ceos naquel célebre outubro de 1957: adiantándose, pois, ao célebre leitmotiv dunha marca deportiva, ficou claro que "Impossible is Nothing".

Dúas, tres..., catro veces -ou todas as que fagan falta- tropezamos humanos e humanas na mesma pedra. Xa que logo, nin o Centro Nikolái Gamaleya -faltaría máis!-, pero tampouco o prestixio da revista "The Lancet", o da Universidade de Oxford nin aínda esoutros que amosan AstraZeneca, Moderna..., as contrastadas capacidades da Dra. Chen Wei -si, a creadora da primeira vacina, e efectiva contra o ébola- deveñen suficientes, seica, para atemperar os humores de determinadas xentes, xentiñas... e xentallas. Claro que, ao cabo, quen non ten á man un cuñado -digo, un (suposto) epidemiólogo, virólogo..., especialista ad hoc...- a explicarnos que se as vacinas bla, bla, bla e que se a Sputnik V e mais Vladimir Putin blo, blo, blo? Traducido ao noso roman paladino: para que serve estudar carreiras universitarias, perder o tempo nos laboratorios, investir en I+D... cando todo se presenta moitísimo máis doado?

Non acreditan na ciencia, os tales -e, moito menos, na ciencia rusa!-, pero si que poñen, non obstante, toda a súa fe enteiriña na existencia de extraterrestres "que nos están vixiando", nos gurús do quinto e sexto milenio, na viabilidade das viaxes astrais e da levitación low cost, nas marabillas da homeopatía ou en que a casca de limón cura por completo o cancro, parte do alzheimer e, de propina, o xarampelo malaio e mais o tifus groenlandés. En fin, na epifanía da desfeita, non dubidan en culpar a Bill Gates dos males que nos aflixen ao tempo que -tan miñaxoaias como incoherentes- difunden as súas mensaxes a través das novas tecnoloxías que, esas si que si, o referido Mr. Gates controla perfectamente.

Chegados a tal punto, cabe pensar, daquela, que todos eles e elas -orgullosísimos como van por aí adiante de "non formar parte xa do rabaño", de constituiren, seica, "a resistencia"; está claro que canto máis ignorante, máis arrogante-, de teren habitado naquela xeira dos anos 40-50 (e Miguel Bosé sempre atento) andarían ocupadísimos en afirmar arreo que "iso da bomba atómica non vén ser máis que unha montaxe dos gobernos para meternos medo e ternos controlados; porque, como todo can e todo gato saben dabondo, o átomo é indivisible de seu! (e a terra plana ou case)".

Compartir el artículo

stats