Eijo Garay tan amigo das bandas, cruces e grandes cruces, mucetas e demais aparato pomposo, nunca chegaría a príncipe da Igrexa. O mecanismo de automación da pistola automática inspira o método de traballo dalgúns columnistas de prensa. Trátase de non esgotar os asuntos e trasladar unha porción do tema principal dunha columna a outra sen perder o fío e non destruír o conxunto a mantenta tal e como facía Penélope na Odisea. Do mesmo xeito que na automática os gases deflagrados pasan dunha función a outra, así, ás veces, o columnista transporta temas ou fraccións de tema dunha colaboración a outra. Por exemplo, eu faleislles aquí na pasada Segunda Feira de pandorcas ou orcas, que están de actualidade. Deixei fora os monstruos ou mostros mariños da mitoloxía popular galega. Estes non existiron nunca. Na nosa cultura non hai, coma na hebrea, un Xonás deglutido por un animal mariño nin tampouco un heroe Beowulf. As nosas serpes míticas viven no Galiñeiro e nas montañas en canto, no mar, a zooloxía tradicional só ten medo da morea, como se mostra na poesía de Bernardino Graña. As orcas rillando o timón a un veleiro deportivo da mariña de guera española, alén de suceso rarísimo, non ten sitio no relato interminábel dos vellos mariñeiros en terra. Unicamente, por veces, e de forma xenial, a figura dun mosnstruo das profundidades sae de entre os dedos de Urbano Lugrís. Outra cousa que gardabamos na recámara é a selección que as pandorcas da costa galega parecen estar facendo dos barcos aos cales deciden suprimir o gobernalle.
Parece que estas orcas non atacan barcos da ardora nin boniteiros. Tampouco parece que rouben peixa de xeitos e tramallos, ocasionando danos no aparello de deriva tal e como fixeron moito os arroaces e toniñas de outrora. A pregunta é por que as orcas do NW marítimo de Galicia prefiren os veleiros de recreo a outros tipos de embarcación constitúe un misterio que nos levou a reler as Vinte mil leguas de Jules Verne sen achar alí resposta adecuada.