Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Vigo e as toponimias labirínticas

Nunca vigués ningún dixo ou escribiu "Gran Vía del Generalísimo Franco", aínda que este era o nome oficial da arteria que nos anos cuarenta do século pasado lle mudou a faciana á cidade xunto co Instituto Santa Irene, a Lonxa de baixura no Berbés e as Feiras do Mar nos xardíns de Eixo Garai. Eu nunca lle sentín chamar "Capitán Carreró" á Porta do Sol nin "Felipe Sánchez" ao citado Areal. Outras denominacións franquistas tiveron algún uso o que non impediu, so a alcaldía de Soto, que fosen parar ao pozo negro do esquecemento. E que a xente fose, unanimemente, facendo revivir o nome respectabilísimo de Pi i Margall en lugar do dun xeneral franquista e sumamente veleidoso.

Certo que Vigo resulta rarísimo no que se refere á propia toponimia. Sempre foi e será o Calvario unha porción da vella "Carretera de Castilla" que xamais chegou a ser recoñecida como "José Antonio". As nosas Travesas non son tales no nomenclátor vixente, senon "Praza de América". En canto a Peniche, nin sombra deste topónimo é recoñecido nas administracións públicas. "Montero Ríos" non é tal, senon As Avenidas nos beizos populares. E a "Praza de Compostela", a Alameda. E que decer de Teis se el mesmo non ten existencia recoñecida ao non querer nacionalismo e esquerda, unidos ás dereitas, que se poñan en vigor cidadán as vellas parroquias? Ao entrarmos en Teis por Sanxurxo Badía, pasaremos pola Calzada e polos Caños, pero ningún destes nomes de lugar está regularizado administrativamente.

Vaiamos de novo ás parroquias históricas en canto topónimos. Non existen oficialmente nin Alcabre, nin Beade, nin Castrelos, nin Coia, nin Lavadores, nin Bouzas, nin Matamá, nin Navia, nin Oia, nin Saiáns, nin Comesaña, nin Teis, nin Freixeiro, nin Sárdoma, nin Cabral, nin Coruxo, nin Candeán. Bembrive é a única parroquia que funciona en Vigo como entidade local menor, desde vello.

Estou convencido de que Vigo precisa dunha definición toponímica e administrativa municipal nova e aconsellada por equipos capacitados por lingüistas e historiadores para preservar esta variedade onomástica e esta riqueza cultural e lla transmitir íntegra ás xeracións futuras. Se Sárdoma ou Candeán, poñamos por caso, son nomes que veñen de linguas faladas milleiros de anos atrás, na Prehistoria do Val do Fragoso, e se o nome de Vigo nos é máis comprensíbel por proceder do latín vulgar, os Choróns que tamén carece de lexitimidade oficial e é nome de orixe contemporánea, ten dereito á ser alternativa no nomenclátor oficial a un "Fernando, o Católico" que evoca a quen nunca foi rei da Galicia na que se encontra, en función hexemónica, a cidade de Vigo. A Dobrada, ou Doblada, é o máis novo dos topónimos importantes de Vigo. Desexámoslle simbolicamente mil primaveras cunqueirianas máis de vida.

Compartir el artículo

stats