Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

HISTORIA

Casares acusou a Calvo Sotelo de simpatizar cos grupos que chamaban ao golpe

Dende o punto de vista da campaña electoral o máis relevante foi a polarización que a propia liña discursiva e programática de cada formación se encargou de acentuar. Nunha circular do Goberno Civil na que se reproducían as ordes do Ministerio de Gobernación no senso de que os alcaldes debían dar as facilidades necesarias para o normal desenvolvemento da propaganda electoral, o seu titular, Benigno Varela Pérez, advertía que: "En los momentos presentes se plantea en España este dilema: O la intransigencia sectaria con regresión cerril al 'muera el que no piense igual que yo', o la orientación racional y humana de respeto y mutua tolerancia para la posible convivencia social, sobre todo en este período electoral en que se prepara por los distintos sectores políticos la conciencia ciudadana para el ejercicio consciente del derecho del sufragio'".

As dereitas desprazaron á nosa provincia aos seus primeiros espadas: Calvo Sotelo, A. Amado e J. Sabucedo coincidiron nun mitin celebrado o 6 de febreiro na capital ao que seguiu unha xira que incluíu sete dos once partidos xudiciais; exactamente un mes antes, Gil Robles xa pronunciara senllos discursos nos Teatros Principal e Losada diante dun público afervoado. As mensaxes máis repetidas nestes actos movéronse arredor da identificación da coalición frontepopulista coa esquerda e, por extensión, co marxismo e o comunismo. Lóxico corolario ao impacto que a sinatura do pacto da Fronte Popular e a aprobación do seu programa político exerceron nas conciencias dos sectores tradicionalmente vinculados coa dereita e mesmo daqueles que teoricamente se situaban no centro do espectro político.

O Bloque Contrarrevolucionario obtivo unha vitoria indiscutible nas eleccións co 44,67% dos votos. Esta circunstancial coalición conseguiu impoñerse en cincuenta e oito concellos e en seis dos once partidos xudiciais (Allariz, Bande, Carballiño, Celanova, Ribadavia e Verín). Obtivo, asemade, seis das nove actas en xogo rendibilizando ao máximo os seus sufraxios, e ganou en todas as capitais de partido -incluída a capital provincial- agás no Barco de Valdeorras. Os tres candidatos calvosotelistas situáronse nos postos primeiro, cuarto e sexto dos máis votados, superando, outra vez, Sabucedo Morales ao seu xefe de filas por máis de 8.200 votos. O xigantesco "pucherazo" consumado en toda a provincia converte en irrelevante unha análise polo miúdo dos concellos nos que os calvosotelistas obteñen maior representación, como non sexa como reflexo dos pactos concertados cos notables de cada concello e mesmo parroquia; sen desprezar, naturalmente, aquelas zonas nas que, como no Carballiño, o predicamento do tudense facía innecesario acudir a tales manobras.

Porén, estes resultados axiña quedaron sen efecto. En coherencia co manifestado durante o proceso de escrutinio e no acto de proclamación de candidatos, os representantes da Fronte Popular en Ourense non tardarían en solicitar publicamente a anulación das eleccións en toda a circunscrición. Nunha impresionante manifestación de forza, arredor de dez mil manifestantes saíron o xoves día vinte da Casa do Pobo e percorreron as principais rúas da cidade mostrando a súa ledicia pola vitoria das esquerdas no conxunto do Estado e clamando pola repetición das eleccións na provincia. O desfile, durante o cal as diferentes sociedades profesionais e agrarias da capital e das aldeas circundantes fixeron notoria ostentación das súas bandeiras, rematou coa entrega dun escrito no Goberno Civil no que se pedía o cumprimento do programa da Fronte Popular, a garantía dun posto de traballo ou dun subsidio para os parados, o reparto dos bens comunais, a supresión do imposto de consumos aos campesiños pequenos e pobres e a anulación das eleccións. As denuncias tiveron un eco inmediato na prensa española, e así un diario tan prestixioso como o rotativo madrileño El Liberal non se recataba de cualificar de graves as actas da provincia na súa edición do domingo día vinte e tres.

Perdida a batalla da Xunta Provincial do Censo -a proclamación dos candidatos electos se produciu con sete votos en contra, cinco a favor, unha abstención e un voto non emitido - as esquerdas ourensás concentraron os seus esforzos en conseguir a anulación das actas e forzar a repetición das eleccións no Congreso dos Deputados. Este proceso, ben coñecido grazas á atención que lle prestou J. Tusell transcendeu con moito -como xa acontecera en Salamanca co caso de Gil Robles- a unha simple discusión sobre a validez dun proceso electoral concreto, pois o que estaba en xogo era, nin máis nin menos, a acta de J. Calvo Sotelo, daquela convertido xa en cabeza visible dun importante sector da dereita máis reaccionaria.

Os argumentos empregados polo político tudense na defensa da súa acta eran de indubidable peso: ausencia de certificacións notariais de presenza para probar as presuntas ilegalidades denunciadas, diferente criterio empregado para as actas de Lugo e A Coruña -nesta última circunscrición producíase a situación contraria, pois o que estaba en disputa era o escano de Santiago Casares Quiroga-, aceptación dun máximo de sufraxios anulables que cifraba en 21.000 -insuficientes para privalo da acta-, rexeitamento da tese de que as dereitas contaron co apoio das autoridades e atribución deste á candidatura centrista, porcentaxe superior de sufraxios acadado pola Fronte Antirrevolucionaria naquelas mesas onde se aceptan os resultados como válidos que noutras onde a votación se di simulada...

Todo isto permítelle concluír que son consideracións de natureza política e non xurídica as que moven aos partidarios de anular as eleccións. De crer a Gil Robles, as xestións realizadas por Maura diante de Azaña convenceron a este da necesidade de cambiar o acordo inicial da Comisión de Actas, que volveu a reunirse modificando sensiblemente o seu ditame anterior. O definitivo, aprobado co voto en contra dos representantes socialista e comunista, pasou pola aceptación como base real de votación duns sesenta mil votos que a totalidade dos candidatos consideraban lexítimos e que non foran impugnados ao tempo que anulaba outros 106.000 viciados polo que Martínez Risco chamou a "aritmética caciquil" . Deste xeito quedaba garantida a proclamación do líder de RE "para que uno de los enemigos más encarnizados del régimen, de los Gobiernos republicanos y del Parlamento, no pueda salir, con justicia, a la calle a decir que nos hemos entregado a una persecución sañuda e injusta". Justo Villanueva e Fernando Ramos perdían, asemade, a súas actas en beneficio de Alfonso Pazos Cid e de Manuel Martínez Risco, que acompañaron no Parlamento aos seis representantes da Fronte Antirrevolucionaria e ao agrario-centrista Antonio Taboada.

Camiño da guerra

A progresiva dérive autoritaria, a definitiva asunción da teoría da necesidade dunha "contrarrevolución preventiva" e a súa propia incapacidade política levaron aos afonsinos -á marxe das súas propias disputas internas- á adopción dunha estratexia que pasaba por ceder o protagonismo político ao Exército, a "columna vertebral da Patria", segundo o cualificaba o manifesto fundacional do BN, para que, mediante unha solución de forza, puxese fin á experiencia republicana. O apoio das forzas máis reaccionarias e o propio predicamento que tiñan nas Forzas Armadas serían suficientes, segundo crían, para lles garantir unha destacada influencia na nova conxuntura. Así se explica que Calvo presionase aos xenerais monárquicos que pretendían pronunciarse cando Alcalá Zamora se negou a entregar o poder a Gil Robles en decembro de 1935. E outro tanto fixo con Franco antes da celebración dos mencionados comicios de febreiro de 1936, descontando anticipadamente a súa derrota; por non falar dos seus contactos coa Unión Militar Española (UME), as intimacións a Serrano Suñer para que influíse sobre o seu cuñado ou a súa resposta aos enviados de Mola poñéndose sen reservas ás súas ordes. Polo demais, as conexións monárquicas de destacados mandos militares da VIII División Orgánica eran evidentes. Comezando polo xefe de Estado Maior da División, tenente coronel Luis Tovar Figueras, verdadeiro artífice da sublevación na Coruña, sempre en permanente contacto con José Ceano Vivas-Sabau, o home clave en Ourense; ademais destes, J. A. Durán tamén cita ao famoso capitán Eloy, casado con Inés Freijanes Malingre e, xa que logo, emparentado con Arturo Salgado Biempica. Non obstante, o fracaso do golpe ía propiciar unha evolución política ben diferente á imaxinada por estes sectores.

Pero non adiantemos acontecementos. Ao mesmo tempo que se esmeraban en cultivar as súas relacións cos militares da gornición, os calvosotelistas ourensáns tamén fixeron o posible por contribuír á estratexia do canto peor, mellor alentada polo seu líder. A correspondencia de Calvo Sotelo e Salgado Biempica custodiada no actual Centro Documental da Memoria Histórica de Salamanca non deixa lugar a dúbidas sobre a mesta rede de colaboradores que posuía o tudense en amplas comarcas de Galicia; todos eles estaban dispostos a cumprir fielmente co encargo de lle transmitir a máis nimia alteración da orde pública en cadansúa comarca para ser utilizada politicamente no Congreso co fin debilitar ao Goberno. Velaí o acontecido o 15 de abril, cando Azaña compareceu ante as Cortes para defender o seu programa de Goberno: Calvo Sotelo, convertido xa en líder indiscutible da minoría monárquica unha vez que a Comisión de Actas privou da súa a Goicoechea, fixo unha relación de incidentes acaecidos desde as eleccións de febreiro que, segundo el, causaran máis de cen mortos e cincocentos feridos.

Non menos destacada resultou a sesión parlamentaria do 16 de xuño de 1936, na que o tudense protagonizou un enfrontamento verbal moi acalorado e polémicos con Casares Quiroga despois de aludir á desorde económica e militar que, ao seu xuízo, imperaban en España, ademais de aludir indirectamente á posibilidade dun golpe de estado militar cando cualificou de "tolo" ao militar que non estivese disposto a sublevarse a favor de España e en contra da anarquía. Casares considerou tan graves as afirmacións de Calvo Sotelo sobre o Exército que o acusou directamente de simpatizar cos grupos que chamaban ao golpe de Estado.

(*) Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats