Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Juan Luis Ruiz-Giménez Aguilar

O pasado día 21 morreu en Madrid o médico e persoa excepcional Juan Luis Ruiz- Giménez Aguilar, fillo dun ministro franquista cuxa recta conciencia o levou a combater os alicerces políticos do réxime nefasto.

A vida de Juan Luis estivo consagrada ao servizo dos outros, e en especial das camadas sofrintes e desfavorecidas da sociedade. Deposto polo PSOE dun alto cargo de sanidade en Castela-León debido a que formou parte do Comité anti-OTAN, a ética comunitaria presidiu todos os seus actos. Teorizou a sanidade como servizo público, familiar e universal; e levou á práctica clínica os seus principios. A maneira del ser de esquerda pasaba polo asambleísmo. E no intre do seu pasamento inspiraba en Madrid o MATS (Movimiento Asambleario de Tabajadores de la Sanidad) que se sitúa na primeira liña da loita contra o proceso privatizador que non renuncia ao propósito de marxinar e degradar servizos sanitarios xa socializados en períodos anteriores.

En toda organización, movimento, acto ou iniciativa que xurdise neste sentido en territorio do Estado Español a presenza unitiva, cordial, iluminadora e humanista de Juan Luis Ruíz- Giménz emitiu luz propia. Viviu e traballou en Galicia, en Vigo, no ano 1974 e seguintes, situándose nas proximidades de Galicia Ceibe. A esta organización transmitiulle a súa sensibilidade democrática profunda e ideas básicas de sanidade integral. O seu internacionalismo fíxoo confundirse, xunto coa súa esposa, a doctora Rosario Arrieta, na organización de Galicia Ceibe até o extremo de conseguir que o seu pai acudise a Audiencia Nacional para defender a X.L. Nieto Pereira no xuízo incitado pola autopista do Atlántico.

En ocasión do dó pola súa morte, algúns amigos e compañeiros, coma David Simón acordáronse dunha frase atribuída a B.Brecht sobre os camaradas "imprescindibeis" na causa transformadora da sociedade. Juan Luis era dos imprescindibeis. Por iso estivemos canda el mentres ideaba programas de medicina comunitaria e familiar de titularidade pública. Tamén cando participaba nas mobilizacións en Madrid contra a liquidación dos logros sociosanitarios que perpretaba o PP. A miña xeración marabillouse na Gran Bretaña coa medicina estatalizada promovida por Atlee e horrorizouse coa desfeita privatizadora que leva o apelido Tatcher. Coido que Juan Luis foi a persoa que máis pulou pola creación do primeiro centro de saúde dos existentes en Galicia. Tal foi o de Chapela, Redondela.

Por esta e outras cousas ocorridas neste País con participación de Juan Luis Ruiz-Giménez, en Galicia hai moitas xentes que lembran o seu sorriso consolador que era imaxe vivente da fraternidade laica universal.

Compartir el artículo

stats