Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Profesor connosco

Daquela a nosa xa non era chamada Universidad Central e aínda non fora estampillada polos pomposos ideólogos da Falange como Complutense. Simplemente era a Universidad de Madrid e nela brillaba con luz singular a figura de Francisco Rodríguez Adrados na cadeira de grego clásico. El pertencía a aquela corrente que viña da Institución Libre de Enseñanza e que propiciaba pasar por unha cadeira de instituto antes de ocupar a da universidade. Se cadra, desta experiencia na chamada Segunda Enseñanza lle viña a Adrados a súa habilidade e brillantez na exposición aínda tratándose dos asuntos máis escuros da lingüística, do pensamento, da literatura ou da historia.

Como Adrados amaba a docencia, no curso 1956-1957 en que foi meu profesor en Madrid, el quixo darnos clases prácticas de tradución ás catro da tarde. O incómodo da hora non parecía afectar o profesor Adrados, que aproveitaba calquera fendedura no texto designado para nos iluminar cos máis inesperados encontros coa cultura clásica e universal. Por exemplo, o día que meu camarada Ramón Blanco Carril pintou no encerado un eloxio anónimo do profesor e quixo escribir o segundo apelido deste en caracteres gregos. O encomiado aproveitou a ocasión para explicar que pesia a apariencia helénica, o apelido Adrados era semplimente do máis leonés. E, daí o mestre pasou o resto da clase disertando do que despois algúns tradutores habían de chamar "falsos amigos".

Nas súas xenerosas pasantías da hora da sesta, Adrados prefería usar textos líricos, aínda que non se poida decer que preterise materiais épicos e dramáticos. A Xenofonte nunca no-lo puxo de diante, o que lle agradecemos ben. Un día estando a traballar cun fragmento de Safo, Adrados encheu a aula cunha divagación eruditísima sobre a homosexualidade feminina na Grecia Antiga. E prodixios semellantes ocorreron en varias daquelas tardes que, con outro profesor, estarían destinadas ao sopor e á distracción das nosas mentes xuvenís.

Á Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Madrid, chegábase tras pasar un arco de triunfo aparatoso cuxo texto latino celebraba ao Caudillo e aseguraba, na redacción lapidaria atribuída a monseñor Galindo, que a sede dos estudos matritenses, ou sexa, Ciudad Universitaria, florecía "in conspectu Dei": so a ollada compracida do Altísimo. Sería así pero, por alí, aínda quedaba refugallo da guerra civil entre os piñeiros e a nosa facultade era de estilo racionalista e arrecendía a República nos currunchos onde se "alcendían os altares do silenzo", como escribía por entón Pimentel. Entre os lingüistas e filólogos máis novos daquela casa emitía fogos de primeira magnitude Francisco Rodríguez Adrados, quen nunca deixou de nos dar leccións maxistrais. Até un destes días en que o seu corazón deixou de latexar para sempre. Séxalle a terra leve. E é aquí cando comparece a memoria imborrábel de Isidoro Millán González-Pardo a quen sempre evocamos entrando e saíndo do seminario de grego que dirixía o profesor a quen hoxe despide esta columna.

Compartir el artículo

stats