Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Galicia en Europa

A nova Galicia instálase na súa vella e decidida vocación, atlántica e europea, que define, de forma singular, o seu pronunciamento nestes tempos de cambios trepidantes e vertixinosas transformacións. A fin do mundo dos romanos, a meta dos pasos peregrinos xacobeos, a terra nai de millóns de emigrantes é, como demostra a súa historia, especialmente sensible ás correntes dos tempos. Nada lle é alleo a Galicia, nada lle resulta inalcanzable a un pobo de vocación universal, afeito a medrar ante os retos, por difíciles que estes resulten.

Sen renunciar a nada nin a ninguén, un é do seu país e da súa paisaxe, da súa historia e dos seus soños, da súa cultura e das súas utopías. E, tras a viaxe ou en plena viaxe pola vida coas súas circunstancias, é bo quedar con un mesmo un intre para recoñecer que todas as palabras e sentires expresan en Galicia unha enriquecedora convivencia entre o galego, o español, o europeo e o luso-brasileiro, os ecos de case un mundo que resoan para sempre entre os recordos máis queridos: palabras que foron historias fronte á lareira e a trepidante transposición dun país que en pouco máis de cincuenta anos experimentou unha transformación colosal, impensada ata polos máis optimistas.

Galicia é o que está a pasar e o que xa foi. Compón un poema de permanencia no esencial, pero déixase levar polo vento, transformar pola choiva, diluír pola néboa, afectar pola imaxinación. É unha realidade, pero tamén un pensamento difuso e desarticulado. A terra de nunca se sabe. O paraíso. Maxia. Todo para admirar moi fondamente.

O momento é o máis oportuno para o reencontro. Neste terceiro milenio, a Fisterra rexorde dos seus propios tópicos para ofrecer un marco de realidades plenamente inmersas nas vangardas mundiais. Como non, están a choiva e a pedra, permanecen o granito e os mil ríos, as rías e as néboas, o verde e os bosques. Todo o que definiu a mellor das Galicias mantense inalterable, disposto a acubillar baixo o seu manto de morriñosa saudade a nova sociedade, na que todos cabemos, os que se foron e os que quedaron e, se apelamos ao máxico, ata os que xa non están.

Ante os ollos do observador atento, Galicia móstrase verdadeiramente sorprendente nas súas manifestacións máis recentes, do que o mellor expoñente é Galicia Calidade, que conforma clústeres como os de Acuicultura, Alimentación, Audiovisual, Automoción, Biotecnoloxía, Granito, Gráfico, Saúde, Madeira, Moda, Naval, Produtos do Mar, TIC ou Turismo.

Tras a densa néboa dos tópicos, escóndense os éxitos de empresas de referencia no mercado mundial do deseño e da moda; os aromas afroitados duns dos viños brancos máis premiados do mundo, como os das Rías Baixas, Valdeorras, Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei; a industria xoieira máis puxante; a consecución de patentes mundiais de produtos farmacéuticos; unha industria pesqueira capaz de liderar o mercado mundial; estaleiros que exportan portaavións ou transatlánticos; empresas automobilísticas e o turismo. E así ata mil posibles citas sobre as que asentar as bases dun futuro máis que esperanzador, baseado moi fundamentalmente nos tres campus e sete universidades. Un futuro que comeza polo coñecemento de nós mesmos, polo reencontro nunha plataforma ou nun peirao de esperanza, esta vez para exportar produtos, non para emigrar.

A Galicia actual goza de redes de alta capacidade, de tres aeroportos e de centos de quilómetros de modernas autoestradas e vías rápidas, de trens de velocidade alta, de estacións intermodais, e de todo o Atlántico.

Temos que descubrir esoutro país impensado dentro de Galicia, ese mundo do cal tiñamos só mediana conciencia. Un espazo máxico de sentimentos compartidos e personalidades dispersas, afastadas polo tempo, o espazo, o descoñecemento ou a compracencia. Hai que conxugar a síntese xusta dunha nova filosofía do reencontro, a invitación a un faladoiro de sentimentos compartidos e agora xa si expresados.

E, entre todos, alegrámonos na idea de ternos reencontrado no desexo de novos horizontes para a vella Galicia, e na nostalxia e na utopía, quizais, pero sempre co denominador común do agarimo e da comprensión cara a unha forma de ser e de entender a vida, ata aquí, no país da choiva que ten que afrontar o cambio climático.

E nese xusto medio entre o mundo e Galicia, entre a evocación e a realidade, entre a orixe e o porto de destino, no territorio do emocional, sitúase un punto de encontro sempre posible para celebrar a vida, dimensionando as experiencias e utilizando a terra como eixe sentimental, conscientes de que quen mellor conta a historia é a propia vida.

Temos que facer unha relectura de Galicia, un plan estratéxico que, por riba de sentimentalismos e de políticas localistas, para sorpresa de moitos, logre que no terceiro milenio a terra, nai e señora, siga a ser un país moi galego, español, ibérico, europeo e universal. Un punto de referencia obrigado na sociedade do ciberespazo.

Este pequeno mundo verde, se buscan na descrición das paisaxes, das carballeiras e deses horizontes humanos non poucas veces escondidos tras as brumas da vida ou da timidez ou perdidos na distancia, que en todo caso dotan os galegos dunha consistencia dificilmente intuíble. Pero, fundamentalmente, Galicia é un nexo e un norte no que seguir atopándonos, cara ao que seguir camiñando como europeos, todos xuntos, sen exclusións. É unha invitación á acción. É un punto de partida, culto e inclusivo, do terceiro milenio.

*Este artigo forma parte da iniciativa Manifesto Ibérico: Destino Europa

**Xornalista. @AlbrtoBarciela

Compartir el artículo

stats