Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Cornide agora nós

Nada mellor que un acougo no adro de Santa María do Campo para trasladar a nosa imaxinación á Coruña medieval na que incluímos Ponthus e Sidoine, rei e raíña fabulosos de Galicia. Por frente desta alfaia románica, érguese a perfección racionalista, amolecida por curvaturas rococó, da casa que foi de Xosé Andrés Cornide Saavedra e Folgueira (1734-1803). Este edificio do setecentos albergou horas de meditación, ensoño, estudo, daquela mente preclara do enciclopedismo galego que foi a de Cornide.

El escribiu de economía, historia, xeografía, ciencias naturais, sempre coma Sarmiento na xeración anterior, co ánimo posto no "Reino" e na súa ilustración e fomento deste. Naturalmente, na linguaxe dos nosos ilustrados do XVIII, o "Reino" era, por excelencia, ese de Galicia que habería de ser liquidado e rachado en catro cachos ditos provincias no século seguinte. Ora si, o noso ilustrado Cornide incluiu a lingua nacional, repristinada e independente do portugués e do castelán, no catálogo dos soños que el facía suntuosos nos territorios futuros de Galicia.

Cornide escribiu belamente poemas en galego e inda a el lle debemos o salvamento do único texto literario, tamén galego, que sobreviviu daquela falda, mitificada universalmente no seu século que atendeu por María Francisca de Isla. Cornide reuniu unha valiosísima colección de voces galegas que só chegou a publicar no século XX, Carlos Martínez Barbeito.

E ben, a casa bela de Cornide que, na praza do Campo, pode facernos lembrar os grabados prerománticos dos versos escoceses de Robert Burns, foi degradada. Ocorreu en 1962. O concello da Coruña falsificou unha poxa e lle entregou a casa de Cornide a Pedro Barrié de la Maza quen, nunha chafallada colosal, a colocou na cabeza da familia Franco. Comprimentouse, sen vergoña ningunha a figura do delicto de suborno coñecida nas diversas evolucións do código penal español como "cohecho". Franco pagoulle a Barrié moi ben Meirás e tamén o pazo do Campo, ou sexa o de Cornide. Alén de aplicar a expropiación forzosa en favor de Fenosa ás veigas e viñas de Castrelo de Miño, en agradecemento polos pazos recibidos, Franco fixo daquel burgués arquetípico todo un conde de Fenosa.

En realidade eu non sei por que os poderes públicos actuais xa non están a aplicarlle velozmente aos pazos de Meirás e do Campo as mesmas leis de expropiación forzosa que o franquismo activou sen dó contra os labregos dos vales de interese hidroeléctrico capitalista en beneficio do Conde de Fenosa.

Compartir el artículo

stats