Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Proximidade, redistribución, sostenibilidade

Hai uns días cadroume ir a Friol e por un azar xeneroso mercar carne, queixos, marmeladas e ate un aftershave de cosmética bio e galega nun emprendemento familiar, Traloagro, que traballa con produtos de acó. Daquela, lembreime do slogan "Nós temos de todo para producir máis" que formaba parte da paisaxe brasileira e que recollín nunha viaxe para, despois, dar titulo a un artigo publicado en FARO DE VIGO o 4 de febreiro de 2009. Brasil, un pais emerxente, tomaba conta da súa política e dos seus recursos. Á memoria víñame Castelao, como animador de ilusións, quen no seu Sempre en Galiza loaba as tres fontes de riqueza galega: a árbore e a vaca, como símbolo do señorío espiritual de Galiza e de paz, canda o peixe, prata do mar.

Neste tempo de crise, que anda a demandar unha fonda reflexión sobre a esencia propia do ser humano, a relación e respecto co medio ambiente a través dun pacto pola ciencia e a investigación e, sobre todo, cunha maior vinculación co país, palabras como redistribución, produción de proximidade e sostible convértense nunha cuestión moral. Ás tres fontes de riqueza, chave da soberanía alimentar, poderiamos engadirlle outros recursos estratéxicos: o vento, a auga ou a diversidade dos minerais.

O vento, por exemplo, podería ser unha das mellores oportunidades enerxéticas de non se ter tolleito aquel seu plan de aproveitamento do coñecido como "goberno bipartito". Á auga dos nosos ríos, fontes, regueiros, lagoas e fervenzas, que tanto lle impresionaron a Otero Pedrayo, súmaselle o noso marabilloso e farturento océano, coas súas 200 millas e os seus 350.000 km2 dun mar que, conxuntamente coas rías, constitúe todo un mundo de capacidades. Tamén a minería representa un recurso que cómpre avaliar en relación á saúde ambiental e en harmonía coa produción agropecuaria e os beneficios sociais e de emprego a través de empresas propias. Unha canción que, por máis que repetimos, non damos aprendido.

Porque o tempo que resta non é moito, Galiza, unha sociedade dinámica mais tamén contraditoria, ten que decidirse dunha vez a explotar as súas materias primas de forma racional e sostible para ben de todo o país que non outra cousa significa esa arela por redistribuír a riqueza común. A explotación dos nosos recursos (forestal, gandería, pesca...vento, auga, electricidade, minerais...) e o desenvolvemento industrial, para alén de manter e crear emprego, ese dereito fundamental, supón un reto para a innovación, a recuperación desa mocidade tan ben formada que tivo que emigrar e a capacidade de adaptación con vistas aos cambios que se están a se producir.

Somos, asemade, un fervedoiro, recoñecido aquén e alén, de iniciativas culturais no campo da literatura, da música, do teatro, do cinema, da artesanía, do audiovisual... coa lingua como sinal identitaria. E Galiza conta, aínda, co seu tesouro mais prezado: un pobo que soubo apandar co desleixo e buscar unha saída de emerxencia: "en Galiza non se pide nada. Emigrase", dixo Castelao. Velaí os galegos e galegas, xente creativa e traballadora, gran parte dela espallada polo mundo enteiro Un...dous... millóns?

Unha comunidade que termou da nosa lingua e da nosa cultura en anos escuros, que foi quen de compartir proxectos e experiencias a través dunha forte e extraordinaria multiculturalidade, que sempre teima en regresar, que inzou os lugares de escolas, lares, iniciativas para desfrutar. Aínda temos unha grande débeda coa emigración secular.

Nós temos de todo para producir mais. Nós podemos e queremos. Os soños que comandan a vida poderán facerse realidade.

Este artigo esta dedicado, non podería ser doutro xeito, a apoiar a todas as xentes que están a facer país e denunciar os que tratan de vivir desapiadadamente del.

Compartir el artículo

stats