Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ludwig van Beethoven: un legado universal de 250 anos

A casa natal de Beethoven, a famosa Beethoven-Haus Bonn de Alemaña, é hoxe en día un museo no que se exhiben cartas, manuscritos, obxectos persoais, instrumentos ou a máscara mortuoria do músico. Tamén se pode visitar a bufarda onde viu ao mundo un 16 de decembro de 1770. Polo tanto neste 2020 conmemórase o 250 anos do seu nacemento.

A efeméride deu lugar a unha cascada de actos por todo o mundo e nese senso en Galicia a Real Academia Galega de Belas Artes organizou un ciclo centrada na súa música de cámara. En Vigo a Orquestra Clásica a finais do 2019 anticipaba na súa programación a celebración. Carlos Núñez presentaba o seu espectáculo Celtic Beethoven. O Conservatorio Superior o facía co festival Nas Ondas, e a Orquestra Vigo 430 dedicáballe a cuarta cita da tempada.

A súa música é enérxica, chea de enorme riqueza melódica, rítmica e harmónica, explotando as dimensións das obras por medio do desenrolo e orquestración. El foi o responsable dunha das revolucións máis grandes da historia da música, mudando a maneira na que se compoñía e apreciaba a música. Destacamos que nos Lieder verschiedener Völker Beethoven arranxa, entre outras, cinco cancións ibéricas, nas que se inclúe unha fermosa modinha portuguesa titulada Seus lindos olhos.

A obra de Beethoven forma parte dos atrís das orquestras galegas Sinfónica de Galicia, Real Filharmonía, Orquestra Gaos ou a Orquestra de Cámara Galega, así como da programación pedagóxica das nosas escolas de música e conservatorios.

En A Coruña interpretáronse varias sinfonías en vida do compositor, ademais da abertura Fidelio, conservándose partituras da época no arquivo da Real Academia Galega (biblioteca Adalid), fondo estudiado amplamente por Xoan Manuel Carreira, Margarita Viso, Carolina Queipo e Laura Touriñán. Outro arquivo importante, iniciado no XIX, con obras do alemán é o Arquivo Canuto Berea. No inicio do XX son os editores Soutullo e Villanueva e o comercio de Sánchez Puga, ambos en Vigo, xunto ao de Berea, os que acaparaban a venda das partituras do xenio de Bonn.

En Vigo no XIX a súa música escoitábase nos salóns, a cargo das/os numerosas/os pianistas e no Teatro Tamberlick. Xa no XX é a importante Sociedade Filarmónica viguesa a que presta atención a música de Beethoven, utilizando para elo os teatros Odeón e García Barbón. A Banda Municipal e a Orquesta Filarmónica Viguesa, ambas dirixidas por Mónico García de la Parra, tiveron un papel predominante na divulgación do seu repertorio, xunto a programación nos cafés coma o Café Colón.

Apuntar que a Beethoven Jubiläums GmbH e a Secretaría Mundial para o Cambio Climático das Nacións Unidas puxeron en marcha o Proxecto Pastoral Beethoven para que creadores de todo o mundo se inspirasen na sinfonía Pastoral e así sentar un precedente na protección do clima.

Remato cunha frase do compositor que sen dúbida, dende o colectivo Pertenza, desexamos que se cumpra: "Que a amizade, xunto co ben, crezan como a sombra da noite ata que se apague o sol da vida".

*Pianista e Doutor pola UPV. Membro da Asociación Cultural Pertenza

Compartir el artículo

stats