Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Anda o Demo por Ferrol

Para algúns, hai días toldados nos cales o Demo anda solto. Cando chove e sae o sol, anda o Demo por Ferrol, tal como reza un dito resabido na provincia de Mondoñedo. Sostemos, nesta columna, que a desgraza do coronavirus non foi combatida con rogativas e preces, tal e como ocorrera en pestes de séculos anteriores. Tampouco a ciencia médica se viu incomodada polas argumentacións de curadores extra-académicos, que semellaron desincharse a medida que progredía a pandemia.

Ora ben, unha vez diminuiu a virulencia, ouvíronse voces clamar que todo fora obra do Demo. En efecto, para o cardeal Cañizares, arcebispo de Valencia, as forzas infernais están a discurrir unha vacina contra o coronavirus extraída de fetos humanos sacrificados a tales efectos. Tamén obra do Maligno, da cal hai que se precaver, é a grande conspiración contra España que está en marcha. Este discurso foi proferido por Jorge Fernández Díaz, un piedoso cabaleiro que serviu moi ben os intereses da policía patriótica e do grande capitalismo do PP. Para Fernández Díaz, o Demo odia, sobre canto hai, España. E odia como dicían os catequistas e os instructores nacionalcatólicos, porque España -mormente por acción de Franco- soubera frear en seco o comunismo, o enciclopedismo, o republicanismo, a masonería e outras principais conspiracións de Satanás.Para Fernández Díaz o principal obxectivo do Demo é a destrución de España, por iso encirra os seus servos diabólicos a persistiren e prevaleceren no seu labor infatigábel.

Por suposto, as universidades públicas de aquí están minadas de galerías ocultas polas que se moven as xentes de Lucifer en forma de científicos, filósofos, intelectuais resentidos e inimigos de España. Precisamente unha certa interpretación das "minorías egrexias" orteguianas está a ser moi ben feita pola troupe de barbados con ar de veteranos das Navas de Tolosa que se fai chamar VOX e como a universidade española se encontrase infectada, había que ir configurando unhas universidades confesionais católicas; isto é: incontaminadas. Despois da Carlos III viñeron outras e trataron de multiplicar as rebaixas. O caso é que estes días, o reitor da universidade católica de Murcia sostiña publicamente que os plans do Demo Maior consisten en meterlle aos inxenuos e inocentes un "chis" no organismo para así lograr o dominio do mundo.

Pero deixabamos atrás "a medicina alternativa" e o mito da perigosidade das vacinas. Cunha linguaxe "decontractée" , Miguel Bosé proferiu estes e outros disparates que houbesen feito que o seu tío Domingo levase as mans á cabeza con horror en calquera das súas memorabeis estadías político-empresariais en Pontevedra.

Compartir el artículo

stats