Opinión | Segunda Feira
X.L.Méndez Ferrín
O Ferreiro e as zocas
Cando Dámaso Alonso era catedrático noso de Lingüística Románica insistía na peculiaridade das falas galegoasturianas que el ben coñecía desde a súa infancia en Castropol. Despois de marcar os límites xeolingüísticos do galego das Asturias, el sinalaba fronteiras de fenómenos léxicos e fonéticos metodoloxicamente disterados. Don Dámaso soía explicar esta diversidade mediante unha poboación e cultura sumamente antiga.Quedaba así trazada unha Mesopotamia galega e ben galega entre os ríos Navia a Leste e Eo a Oeste.
Unha das sensacións máis plenas de vitalismo e tradición nobre que tivemos ocasión de sentir foi o día no que acompañamos un grupo de mozos e mozas que montaban facos galicianos dos que menciona Cervantes, entre os montes próximos á Veiga (oficialmente, "Vegadeo"), o Campo do Oso e o territorio de Alcántara, este no centro de Mondoñedo. Acurraban eles a grea das bestas do monte á Feira das San lucas, e a nosa lingua floría cunqueiraniamente ao troupeleo dos cascos, cortada polos rinchos nervosos, e ecoaba nas caidancas veciñas do bosco de Silva.
Asistimos, anos ultrapasados a un simposio de cultura e lingua galega de Asturias en Grandas de Salime, cunha nevarada que mandaba cavar trincheiras nas portas das casas e dos negocios. E era en celebración de dous insignes galegoasturianos, Dámaso citado e mailo bibliófilo benefactor de Vigo Fermín Fernández-Penzol Labandera. Ali estaba animando, Celestino García Braña pois eran tempos nos que se promulgaban ás Normas Ortográficas e Morfolóxicas del Galego de Asturias (sic). A grande figura presente de Asturias era a de aquel que recibía, e con inmenso respeto o nome familiar de Pepe el Ferreiro (así, tamén, en galegoasturiano). Naturalmente os congresistas visitamos o Museo etnográfico que Pepe el Ferreiro fundou, reuniu e dirixiu, converténdoo, en certas materias, no mellor do mundo. Falamos, se tal, na mellor colección de zocas que está reunida alí. Como vostedes saben, o calzado de madeira é arcaico, véxase prehistórico, e conservouse en boa parte de Europa, e de Asia, até os nosos días.
En galego pódese chamar, segundo o formato e a zona, de incontabeis maneiras: galochas, tamancas, samancas, chancas, zocos, mesmo madreñas polas peixeiras e por influxo, esta vez, asturiano. Etnógrafos de todo o mundo peregrinan a Grandas de Salime por se documentaren en zocas e en todos os abenllos ou aprechos rurais nosos. Descanse en paz Pepe el Ferreiro quen deixou de alentar o viruxe incomparábel que curte as facianas da xente en Grandas, Abres, a Suarna, a Fonsagrada e as Devesas de Moelos, que é onde, en canto medraba o Museo do Ferreiro, inzaban os ursos fronteirizos que xa podemos ver calcorreando hogano na Serra de Montezinho, nesoutra raia que Galicia ten ao Sur con Portugal. Séxalle a Terra Nai leve a Pepe el Ferreiro que daba levado a estirpe enteira ao lombo.
Suscríbete para seguir leyendo
- La madre de un vigués de 25 años que falleció por un tumor cerebral: «¿Qué habría pasado si lo hubiesen operado un año antes?»
- La reconocida orquesta gallega París de Noia pierde a una de sus principales voces en la temporada de mayor actividad
- El mercadillo de Cangas cerró hoy a su hora entre lamentos de los comerciantes
- Bouzas activa el «plan B» para sus fiestas por la final de España y cambia el horario de una de las citas más esperadas en Vigo
- El grito de euforia de Nico Williams tras noquear a Francia: «Vamos carallo»
- El TSXG multa con 1.800 euros a un abogado gallego por presentar un recurso lleno de «alucinaciones» con decenas de citas inventadas por la IA
- La Cofradía de Pescadores de Aldán denuncia la presencia continuada de yates en el muelle, pese a estar probido
- El Celta renuncia a retrasar el partido de la primera jornada