Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

'La vache qui rit'

De rapaz facíame moito chiste as caixas de queixiños triangulares procedentes do Jura nos que o debuxante, coido que Benjamin Rabies, nos presenta unha divertidísima cabezola de vaca con brincos autorreferenciais que ri coa boca tan aberta que lle permite ao destinatario do cromo que vexa a lingua e parte da dentamia do animal. Teño entendido que este de que lles falo, aparecido en 1924, segue manténdose en boa parte do mundo como unha constante publicitaria de máxima aceptación e influencia comercial. Aos nenos failles graza a vaca un montón e, cando chegan a vellos, a malenconía papilar reforza o recordatorio seguindo o mecanismo proposto por Marcel Proust na páxina memorábel na que unha madalena mollada en xícara de té desata o fluído das lembranzas enrabadas unhas nas outras.

Mágoa que o actual deseño de La vache qui rit traducira a súa lenda en España por 'La vaca que ríe' debido á decadencia actual do francés como a lingua gastronómica internacional que fora nos días da nosa infancia e xuventude. Pero a vaca segue a rir hoxe igual que o facía hai moitas décadas naquelas nosas merendas nas que a onza de chocolate Chaparro no pan ruín dos anos cuarenta era sustituído por un ou dous triángulos esmagados de queixo daquela vaquiña que non para de rir na nosa reminiscencia. Entón, igual ca hoxe, a vaca amosa con claridade os incisivos superiores, o que constitue un disparate. Nin a empresa queixeira do Jura nin o debuxante que obtivo un dos grandes éxitos publicitarios de todos os tempos coñecían debidamente a morfoloxía do animal.

Ignoraban, e os seus sucesores seguen ignorándoo, que as vacas son ruminantes e que, coma tales, se caracterizan por careceren de dentes na mandíbula superior. Alén da multiplicidade de estómagos de que dispoñen as vacas, o mesmo ca as ovellas, os camelos, as xirafas, as llamas, os cervos e demais outros mamíferos artiodáctilos de pezuña fendida teñen esta particularidade. O noso moi aprezado prosista e poeta, Manuel Rivas, referiuse un día a Galicia como "O País do millón de vacas". Francia que, seguramente, posúe máis vacas ca Galicia e cuxa escola republicana e educación nacional constituiu sempre un modelo para nós, nunca corrixiu o erro de difundir o deseño no que figura unha vaca dotada de incisivos no maxilar superior.

Agora fálase moito de ensino e de reforma educativa e docente, o cal sempre dá moito medo. Polo que aproveito para reclamar un ensino nacional, galego, científico e popular, como rezaban os programas de ERGA e UTEG, nos que se lles explique aos nenos galegos que as vacas do seu país, sexan elas de razas autóctonas (cachenas, vianesas, limiás, caldelás...) ou importadas doutras latitudes, carecen de dentamia na mandíbula superior. Á memoria de J. Rof Codina, fundador da zootecnia galega e do noso gando vacún de raza rubia mellorada.

Compartir el artículo

stats