Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Carme Gerez no horror e na saudade

Carme Gerez foi presa o 25 de xullo de 1946. Apreixárona en Fervenza, Valdeorras. Torturada e violada, posibelmente nunha base secreta da Brigadilla da Garda Civil, foi finalmente asasinada e, o seu cadáver leixado nas proximidade de Ponferrada uns meses despois. Está escrito que a autopsia determinou que a muller estaba grávida. Fálase de que o lugar solitario no que apareceu o corpo é o chamado Montearenas ou, nalgunha outra fonte, Penasbrancas. Os datos históricos foron restaurados a conciencia polo historiador Xosé Antonio Gurriarán, o que non impide que un halo de lenda afecte ao relato. Ela era unha activista intelixente e curiosa, alén de loira e bela.Tivera amores cun guerrilleiro mozo e tamén mitificado, de nome Abelardo Macías e de alcume "Lebre", que resultou morto en combate desigual naqueles anos cuarenta da ofensiva final contra a resistencia antifeixista en Galicia.

Na memoria oral e na documentada, forzas da Falange, da Gardia Civil, da Policía Armada e da Legión, combináronse daquela en múltiples accións en Valdeorras, o Bierzo; ate mesmo no centro da capital ourensana e en Portugal. O relato de que un mercenario mouro era o responsábel do cuartel secreto no que Carme Gerez foi violada, torturada e asasinada, e de que ela, antes de morrer, gardou un botón que identificaría ao xefe dos vesánicos, contribúe á mutación do horror real en literatura nacional popular. O escenario de caborcos, carreiros boscosos, touzas mestas, próximo á aldea de Fervenza, berce de famosas leiteiras entre as que se incluía Carme, lévanos a unha coincidencia novelesca. Un veciño de Carme intentou despistala dos captores o día da súa detención. A Brigadilla non lle consentiu facer tal onda o forno comunal que, desde entón, foi chamado do "Pasamento". Co cal veciños de Fervenza e veciños de Mondoñedo alían a lembranza de Carme e a lembranza de Pardo de Cela de maneira conmovedora.

Carme Gerez Rodríguez, enlace orgánica das guerrillas galegas, merecía, coma outras mulleres e varóns reducidos ao silencio e á invisibilidade e maltratados pola vida e pola historia contada polos vencedores, algún tipo de recoñecemento público. X.A. Gurriarán, Xosé Fernández Ferreiro e algúns memorialistas coma "Quico" Martínez López, deixaron testemuña escrita da valente partisana Carme Gerez, ou Jerez, Rodríguez, da aldea de Fervenza, Valdeorras, onde hoxe a súa lembranza está a ser avivada por moitos veciños con conciencia ética e histórica. Dedicado a Paco Vidal

Compartir el artículo

stats