Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Tempo de (nova) normalidade

Non; por máis que, de certo, resulte moi tentador "ocupalo", o título das presentes liñas non garda relación con calquera episodio da, felizmente recobrada e moi estupenda, serie televisiva. Estoume a referir, claro é, ao "Ministerio del tiempo", cuxa cuarta temporada xa se está a emitir -como moitos dos, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais han de coñecer dabondo- cada martes noite en La1 de TVE. Aínda que, iso si e quen sabe?, talvez nun futuro máis ou menos próximo os irmáns Olivares decidan enviar -mediante a correspondente porta ad hoc- os Julian/Rodolfo Sancho, Amelia/Aura Garrido, Pacino/Hugo Silva e Alonso/Nacho Fresneda para fins de xaneiro do ano en curso e, unha vez chegados alí, tentaren evitar certa pandemia heavy a amezar con converter as Españas nun puro -e duro- teatro de máscaras. Difícil misión onde as houber, desde logo, e non xa precisamente por causa do f...ido virus, senón porque vaian saber Vdes. se para entón -para ese futuro distópico- estará, acaso, á frente do tal ministerio alguén da corda de Mr. Ortega Smith e compañía e todo se resolva en andar a tiros (a tiros de arcabuz, naturalmente) con bichos, con alleos e aínda tamén cos propios. En fin; esperemos que os deuses non abandonen de tal xeito este país de países ou o que queira que veñamos resultar logo de tanta desfeita.

Non; non se trata, pois, dunha ficción senón dunha, máis que evidente, certeza: polas boas ou, preferentemente, polas malas, xa estamos a abordar a normalidade urbi et orbi. Daquela, por máis que o actual goberno dos Sánchez e etc persista e teime e turre no seu proceder, a cousa é que levan toda a razón os dirixentes dos Madriles en reclamaren un cambio de fase inmediato para o seu cortijo, rancho grande -digo territorio autonómico!-, quinta e patrimonio. E non apenas porque na Real Casa de Correos da Puerta del Sol leven xa moito tempo a desfasaren cantidubi dubi dubi senón, e sobre todo, pola pública celebración do escándalo do luxoso apartamento no que está a habitar a señora dona Isabel Díaz Ayuso. Xa que logo, que a temática das componendas, fraudes, raposadas, subornos e corruptelas mil estea de retorno constitúe un signo de vida normal española moito máis contundente e acreditable que todas e cada unha das comparecencias de D. Salvador Illa e/ou D. Fernando Simón a explicaren que se mascarillas, si; mascarillas, non; mascarillas, mascarillas; depende que mascarillas e depende de qué depende. Tan só falta, polo tanto, que o Sr. Torra volva das súas vacacións e que toda Cataluña se poña a facer gárgaras con procès-clorhexidina para que os Barça-Madrid recobren por completo a plenitude de antano.

Mais, con todo, non vén ser o anterior o único sinal a cruzar os ceos -por moito que, reiterémolo- si que deveña o fulgor máis escintilante na noite estrelecida. Por exemplo e sen ir máis lonxe, velaí as terras de Euskal Herria ou, desde logo, estas mesmas de noso: eleccións e eleccións outra volta. E, tamén outra volta, tal parece que han de gañar todos. Aínda que iso si -e a diferencia daquilo que proclamara in illo tempore D. Pío Cabanillas Gallas-, tal semella que está moi claro quen resultan ser de veras eses "todos."

Volve asemade "OT". É dicir, malia todos os videoclips do confinamento; a pesar das experiencias en balcóns, terrazas, estudos improvisados...; por moito que cantautores, compositores, heroes do rap, do folk céltico ou do flamenco lle desen ao maxín; nin tan sequera espremendo os límites da poesía e do rock'n'roll..., o caso é que a desfeita da música das Españas non ten remedio. Que lle queren, de onde non hai -Noemi Galera mediante- non se pode sacar. Ou como diría Rafael "El Gallo": "¿'OT'? ¡Hay gente pa'tó!"

Así as cousas, e por non nos baixar da pequena pantalla, as grandes preguntas que xorden arredor do retorno á normalidade non poden ser máis que estas mesmas: quen vai ser o próximo/a intéprete da cantiga-sintonía que hai cincuenta e dous anos deran a coñecer os Fórmula V? Como lles foi durante todo esta xeira aos moradores do barrio de San Genaro? Sobreviviron os Alcántara a todas as dificultades da pandemia?

Compartir el artículo

stats