Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Buciños en Trasalba

Trasalba, freguesía de Chaos de Amoeiro, pasou unha porción da súa historia gráfica escribíndose con uve, letra tamén outrora chamada be baixa nas escolas, pasantías e amparos de dómine. Cóubolle a Trasalba dos Chaos a sorte de ser escenario e aula escolar aberta de Ramón Otero Pedrayo. O neno don Ramón aínda escribiu Trasalva, se cadra facendo rimar a aldea paterna co estoupido das salvas de insurxencia liberal nos castelos e garnicións de Galicia polos que furaron os devanceiros do polígrafo o mesto neboeiro miñoto que o XIX galego por veces asemella. A casa de Otero, sen un só vestixio nobiliario nos seus muros, presenta, no nivel de planalto que é a Cimadevila de Trasalba ou Trasalva, a carón do pazo veciño que foi dos Doncos ou dos Gayán (nas novelas ou na realidade), unha ilustración viva da evolución da propiedade e da cultura galega entre a Francesada e o alzamento franquista de 1936. Sei de moitos estudantes nas bibliotecas da cultura reservada de Galicia que teñen medo de rubir a Trasalba porque, sempre que tal fan, achan aló enriba que unha cifra secreta libera os seus arcanos. Cada ano, a Fundación Otero Pedrayo, con sede na Casa Grande de Cima de Vila, outorga o Premio Trasalba a alguén que xulga merecente de o recibir contal que manteña algunha sorte de relación coa persoa histórica de Otero Pedrayo. Cádranlle especialmente ben ao Premio as xentes da cultura e da fidelidade teimosa e republicana afortaladas coa virtude ourensá por excelencia que don Ramón sostiña ser a da discreción e a conformidade epicúrea. Quen mellor para recibir o Premio Trasalba no centro desta adversidade e co corazón encheito de esperanza que o artista Manuel Buciños autor de excelentes monumentos públicos a Otero Pedrayo que converten en máis nosas as rúas das cidades de Galicia?

Buciños, que figura na selección máis vigorosa da arte do século XX pertence, tamén, a Trasalba. Aínda orixinario das terras de Buciños, da Barrela, de Carballedo, el formou na nobre confraría dos grandes creadores que se manifestaron no Ourense do século XX e no ronsel do patriciado de Nós. Buciños estivo atento sempre ao matiz do asobío dos merlos no xardín traseiro de Otero, mormente nos anos de tristura en que a Casa de Trasalba aínda choraba por todos e pra sempre. Agora pasan pola memoria Xaime, Pousa, de Dios, seguindo os pasos de Calpurnia Abana; Acisclo e Buciños, felizmente nestroutra parte na ribeira.

Compartir el artículo

stats