Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Na ruta

Entre 1860 e 1863, complétase a que foi coñecida como estrada "de Villacastín a Vigo"; e tamén "de Madrid" ou "de Castilla". Contribuiu, coma o camiño de ferro, a pór en valor (así dicían os vellos afrancesados) o Sul de Galicia. Ao correr o tempo, esta estrada sofreu modificacións de todo xénero, aínda que nós chegamos a coñecela cando aínda conservaba, en parte, o seu trazado orixinal.

Iniciámonos no autoestop sobre o seu piche no ano 1957, e repetimos mediante o mesmo método e en varias ocasións, a viaxe Vigo-Madrid e viceversa. Emocionante era a saída de Vigo pola Ponte de Cabral, onde as viravoltas de Puxeiros se convertían en tobogán hilarante. Ourense coma outras poboacións era cortada pola estrada de Villacastín a Vigo, que alí se convertía na activísima Rúa do Progreso que os poderes inimigos nunca conseguiron mudar por "Generalísimo Franco". Tras cruzar o Arnoia, a estrada agatuñaba os Altos de Allariz abríndose paso por un mato mesto onde a lenda situaba linces. Ás veces, a nosa viaxe era sorprendida por unha Antela que ocupaba toda a Limia reivindicándose coma o principal lago da Península Ibérica; no que se refere a extensión. Culminando as Estivadas, velaí que lumbrigaba o Val de Monterrei coa súa planura rizada de bacelo baixo e as torres condais no alto, lonxe, coma miraxe ou louleo dun Lemos duplicado. O carro que me levaba, dunha vez, matou unha donicela na recta previa a Verín e sepultamos o seu corpiño na gávea.

Do Támega para os cumes, a estrada que ía a Villacastín e a Madrid púñase a loitar contra as potencias oroxénicas colosais das Portelas e das Frieras que marcan os bordes do macizo Galaico-Duriense. A estrada, valente, rubía entre lastras, neveiros, urces e toxeira probe; pasaba aquelas Portelas do Padornelo e da Canda que sempre saían nos partes de inverno de RNE para avisar da precisión de os automobilistas faceren uso das cadeas. A visión, desde un alto, de caravanas de camións do peixe a subir e a baixar por aquela fita estreita a paso de boi nas direccións do Berbés (Vigo) e da Puerta de Toledo (Madrid) forma parte da colección de cromos imborrabeis que a miña memoria non permite que se eslíen. Aínda vexo os camións descendentes trousar auga do xeo picado polos ladrairos en canto os ascendentes abouxaban as aldeas galegófonas da provincia de Zamora, coma as Edradas, co xemido agoniante que lles arrincaba o dobre embrague.

Si, daquela, e sempre na estrada, soubemos que en Lubián todos os veciños falan galego tal e como rexistra a xeografía lingüística vixente e que na Seabra, ou Sanabria, os negocios asentados pé da ruta de Villacastín a Vigo aceptan con naturalidade a nosa lingua.

Unha señora seabresa de pano negro ao cahirulo lembrou para min, sempre na ruta, que a bandeira galega flambexara, en ocasión dunha folga xeral relacionada coas obras do ferrocarril, no máis alto da torre de menaxe do castelo da Puebla de Sanabria. Despois, unha mancha chan de rebolos e xesta deixaba que a estrada de Vigo a Villacastín entrase na bacía do Órbigo, onde os nosos suevos nacionais lle desputaron famosa batalla aos visigodos de Toledo.

Compartir el artículo

stats