Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Turismo industrial: o caso de Vigo

O turismo industrial en Vigo podería ter como referencia a conservación e rehabilitación da Factoría de Bernardo Alfageme. En palabras do profesor José Ramón Iglesias Veiga "Alfageme é un notable exemplo da arquitectura industrial ". Foi un proxecto do arquitecto Manuel Gómez Román (1928), unha fermosa obra, un histórico monumento industrial que nos mostra o desenvolvemento da cidade ao longo de máis dun século.

En 2015 a conserveira Alfageme pechou definitivamente ao liquidar o seu administrador concursal a última parte do patrimonio e adxudicala aos bancos acredores. A fábrica está catalogada e non pode ser demolida, cando menos en teoría, aínda que si reformada. No PXOM 2008 tiña protección ambiental, menor que as categorías integral e estrutural.

Os Alfageme chegaron a Vigo en 1873 procedentes de Asturias, trasladando a súa fábrica de Candás a Vigo. Na cidade estábase a desenvolver unha industria conserveira, con estrutura comercial de exportación. Aparecen así grandes edificios civís. Curbera, Albo e Alfageme decidiron manter a vella tradición das industrias de salazón e constrúen algúns dos mellores exemplos de arquitectura industrial. O valor deste patrimonio é dunha grande importancia, tal e como quedou reflectido no Congreso de Turismo Industrial, celebrado no Museo do Mar de Galicia en Vigo o 28 de novembro de 2019.

O edificio Alfageme ben podería formar parte do Itinerario Cultural do Consello de Europa, como tema representativo dos valores europeos da costa Atlántica, incluída a Europa do norte (Noruega, p. ex.). Dominios que deben ser realizados dun xeito multidisciplinar por diferentes equipos de expertos, segundo o criterio do profesor Lopes Cordeiro (Portugal).

Exemplos como o Museo do atún en Barbate, o Antón de Candas, o d'Histoire de Nantes, o Municipal de Portimâo, o de Póvoa de Varzím; o de Matosinhos; o do Mar de Galicia en Vigo, o Centro de interpretación da conserva na Illa de Arousa, o Aquarium Finisterrae en A Coruña...conformarían un itinerario turístico cultural que preservaría a memoria da industria conserveira a través do eixo Bretaña, Pais Vasco, Cantabria, Asturias, Galicia, Portugal e Andalucía.

Lembremos que a industria conserveira é un legado e un vestixio da memoria colectiva, representando un muro fronte o esquecemento e formando parte da paisaxe que o interpreta.

*Psiquiatra e Psicanalista. Membro da Asociación Cultura Pertenza

Compartir el artículo

stats