Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Do Ermo

O corzo deixou a tras as casas nativas de Curros e de Celso Emilio, cruzou San Roque, correu ao longo da fachada do convento e perdeuse en dirección á Ermida e San Verísimo. Este percorrido dun exemplar de corzo polo centro urbano de Celanova foi seguido e anotado por Xosé Benito Reza, en quen se reúnen as condicións de científico naturalista e de brillante escritor en lingua galega. Nunca deixou de correr o corzo os matos da Serra de San Mamede e outras alturas bravas. Pero xamais fora visto apionar as rúas dunha vila máis ca milenaria como é Celanova.

Nos derradeiros cuarenta anos fomos seguindo noticias da expansión do urso, que se produciu cara o Sul a partir da Devesa de Moelos (ou Muniellos) sita nas raias entre a lingua galega e a astur-leonesa. O urso recuperou o Courel, os Ancares, o Bierzo Occdental, e recentes noticias situaban o animal que inmortalizara Fernández Morales xa na Serra de Montezinho, entre Bragança, Hermisende e a Mezquita. Xa o urso torceu o seu rumo cara Occidente. Imaxes de ursos na Serra do Invernadeiro foron, ao parecer, filmadas nunha película de Pela del Álamo que será titulada Montaña ou Morte. O certo é que, como estaba previsto, o urso recuperou a función mítica de Gardián da Fronteira de Galicia. Agora son moitos os que esperan que o urso volva ao Mato da Albergaria, onde fora abatido na segunda metade do século XIX o derradeiro exemplar da bisbarra do Xurés, e que os "cortellos do oso" de Lobios volvan servir para protección das colmeas.

Os animais bravos achéganse ás poboacións humanas. Tal cousa é consecuencia de que a agricultura e o monte utilizado polas persoas en arrotea e como panasco está bandeándose en retirada. Xa hai quen agoira en Galicia a resurrección da Selva europea primitiva, tras a experiencia nefasta do forestalismo intensivo e colonial que culminou nos grandes incendios. E veleiquí que, á imaxinación me vén aquela fera que, alén de como lince, foi coñecido polos autores galegos dos séculos XVIII e XIX como "lobo cerval" e como "tigre". Chamáronlle, tamén, con sinificativa precisión "tigre do Xurés". De momento o lince de Galicia está desaparecido. Eu sei de moitos amigos da Natureza Brava que procuran as súas pegadas, polo momento sen éxito ningún. Non nos costa soñar o tigre do Xurés controlando a poboación de cabras do monte, en competición co lobo, que felizmente foron reintroducidas nos picoutos arraianos da Fonte Fría. Polos seus sobeiros infinitos, pasa a horda fuciñuda dos xabaríns. Eles completan este entroido dos animais nunha Galicia que está deixando de manter á raia a Natureza salvaxe.

Compartir el artículo

stats