Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

HISTORIA

Coa paralización das obras do ferrocarril o movemento obreiro tomou novos folgos

Benigno Álvarez viña de retomar o contacto coa súa comarca natal, tras superar os estudos primarios en Ourense, facer o bacharelato en Santiago e culminar na cidade do Apóstolo a carreira de Veterinaria seguindo os pasos do pai, prematuramente finado en 1919. Daquela fíxose cargo da clínica que rexentara este, o cal lle permitiu vivir en contacto coa realidade diaria do campesiñado da comarca, entre o que era moi coñecido e apreciado. Probablemente fose esta proximidade aos labregos a que resultase determinante para a súa teimuda defensa da necesidade de prestar unha meirande atención ao campesiñado, especialmente aos sectores máis desfavorecidos, aos que cumpría organizar e converter nun dos eixes de actuación do partido para facilitar a súa expansión.

Descoñecemos, porén, a data na que principia o seu compromiso político co PCE. S. Álvarez sinala que se afiliou ao remate da Monarquía e sitúa a súa primeira detención gobernativa en 1930; daquela, tería declarado unha folga de fame que, segundo aquel, tivo gran sona e mesmo contou coa solidariedade doutros sectores esquerdistas e galeguistas, algo que non se corresponde coa súa ficha carceraria na cal non consta outra detención que a de novembro de 1935. Esta tese tamén é asumida por S. Prol, que lle atribúe a articulación do partido en Ourense xunto co mestre Luis Soto e o médico Antonio Fernández Carnicero. Pola contra, M. Valcárcel asegura que aínda no mes de maio de 1931 figuraba á cabeza do grupo do Partido Republicano Radical Socialista (PRRS) en Maceda e colaboraba co semanario La República; precisamente, no seu número do 29 de novembro de 1930, o futuro dirixente comunista escribía que "(...) De todas esas amenazas de dictadura, fascismo, fuerzas de orden, a lo que más temo es... a una República conservadora" . En calquera caso, haberá que agardar ata a etapa republicana para que o de Maceda despregue unha destacada actividade que lle permitirá acceder á secretaría xeral do partido e converterse no seu principal dirixente.

Retornemos, xa que logo, ao noso outro protagonista. Tras un labor de dous anos na corporación, Manuel Suárez cesaría no cargo xusto para asistir aos estertores do sistema político da Restauración e á definitiva crise dos dous grandes partidos, daquela xa fracturados en múltiples fraccións e bandos. Paralelamente, en abril de 1923, a Federación Comunista de Galicia celebraba en Pontevedra o seu congreso constituínte ao que non asistiu representante algún da provincia de Ourense, aínda que si enviou a súa adhesión a agrupación de Verín. O desprestixio do réxime era tal que o golpe de estado de Primo de Rivera non atopou máis oposición na nosa cidade ca dalgúns vellos políticos vinculados á quenda e dos contados simpatizantes anarquistas dispersos nos diferentes gremios. Como acontecía sempre que se producía un cambio de réxime e aínda de goberno, formouse a seguir unha nova corporación designada pola autoridade militar, o coronel de Infantería Benjamín Ortiz García. Estaba presidida polo médico de filiación liberal Alejandro Mosquera Caride, ao que substituiría o católico conservador Narciso Rivas Martínez no mes de decembro.

En abril de 1924, equilibrados apoios e simpatías e xa en vigor o Estatuto Municipal, o consistorio quedou constituído de xeito definitivo baixo a presidencia do comerciante Olegario Muñiz Álvarez, ao que acompañaban nas tenencias de alcaldía Alberto Taboada, Marcial Ginzo Soto -máis tarde alcalde-, Carlos Guitián Fábrega e Manuel Suárez Castro. Como concelleiros figuraban, ademais, Juan Rivera, José Vega Rodríguez, Estanislao Reverter Plá, José Rodríguez Pavón, Fausto Martínez Castillejos, Constantino Añel González, Luis Macía Martínez, Elías Puga de la Torre, Celso Rodríguez García, Jorge Heredia Sáenz, Francisco Camba Rodríguez, Florián F. de la Torre, Alfredo Romero Escudero, José Pereira Rodríguez, Cándido Cid Rodríguez, Miguel Serantes Bóveda e José González Casasnovas. Como vemos, dende ex conservadores e ex liberais dunha e doutra fracción a católicos, agrarios e socialistas e comisionados do mundo do comercio, a industria e o traballo, da cultura, etc., mesturando "representación popular" e "corporativa", segundo era norma naqueles tempos.

Son ben coñecidas as reticencias que nun sector do socialismo provocou a súa colaboración coa Ditadura. Ao final acabaron por impoñerse as teses dos que argumentaban os beneficios que para o partido e, sobre todo, para UXT tería o apoio a Primo de Rivera, aínda que só fose pola persecución dos sindicatos anarquistas. Suárez Castro , que ao cabo procedía do poderoso Sindicato de Canteiros e sempre se amosara contrario ás posicións maximalistas e a prol do posibilismo, non dubidou en transitar por este camiño. De feito, aínda en ausencia de estudos detallados ao respecto, todo indica que a estrutura do partido e do sindicato fortalecéronse notablemente durante estes anos na capital e nalgúns concellos dos seus arredores, aproveitando a súa máis que notable presenza nalgunhas sociedades agrarias. Mais co andar dos anos tamén medraron as voces desconformes coa participación dos socialistas nos órganos políticos e administrativos da Ditadura, un debate que foi a estrela do Congreso Extraordinario do PSOE celebrado os días 7 e 8 de outubro de 1927 e no que tamén estivo presente Suárez Castro.

O progresivo afastamento do réxime nos seus estertores e a unidade de acción acadada cos republicanos permitiron ao PSOE ourensán facerse con tres concelleiros nas municipais do 12 de abril de 1931. Daquela a notoriedade na cidade das Burgas do mestre de obras era xa enorme, en especial dende a súa participación na grandiosa manifestación de protesta organizada o 6 de xuño do ano anterior cando, unhas doce mil persoas encabezadas polas forzas vivas da capital e a provincia, congregáronse na Alameda para demandar que o Ministerio de Fomento mantivese o proxecto orixinario do ferrocarril Zamora-A Coruña e non o rebaixase e desistise de construílo de vía estreita, como parece que se pretendía dados os problemas orzamentarios que a obra presentaba.

Ben distinta era a situación do PCE ourensán, carente dunha organización sólida e sen posibilidades sequera de confeccionar unha candidatura para os comicios. Manuel Suárez Castro, por entón secretario da agrupación local, foi elixido concelleiro polo distrito de Mediodía con 205 votos en compaña de Manuel Deza Castro, José Fernández Pérez e Fernando Ledo Limia; en adiante tamén colaboraría co partido o agrario Herminio Docabo de la Iglesia. Catro días despois, o 16, a corporación nomeaba alcalde ao histórico republicano Luís Fábrega Coello -pouco despois substituído por Antonio Álvarez Dopazo cando recalou na presidencia da Deputación- e a Suárez Castro como primeiro tenente de alcalde, que tamén compaxinaría en adiante este cargo co de deputado provincial. Do seu labor na corporación provincial lémbrase especialmente o empeño posto no coidado e modernización dos establecementos de Beneficencia responsabilidade desta, en particular as súas propostas de reorganización do Hospital Vello da Praza das Mercedes, daquela a pouco de se trasladar aos pavillóns de As Lagoas. O tándem Fábrega-Suárez Castro, frecuentemente atacado pola prensa rival, sen faltar os galeguistas, deu un novo pulo á actividade da Deputación, incluído un capítulo longamente demandando cal era a creación dunha Caixa de Aforros provincial. O proxecto plasmaríase por fin o 20 de maio de 1933, data de inauguración da súa primitiva sé nuns locais do actual Pazo Provincial. Suárez Castro, xunto con Fábrega, Oswaldo Diéguez Basalo, Eleuterio, "Leuter", González Salgado, Justo Méndez Aguirre, Constantino Añel e Avelino Tizón Aguilar formaron parte do seu primeiro Consello de Administración.

En xuño de 1931, M. Suárez fora designado secretario da Federación Provincial Socialista, que daquela agrupaba a un mínimo de 32 sociedades. Por entón as miras do socialismo ourensán estaban postas nas Constituíntes dese mesmo mes, razón pola que Suárez se implica moi activamente nos numerosos mitins que se levan a cabo por diversos puntos da xeografía provincial. A reedición da conxunción cos republicanos permitiu aos ourensáns sacar adiante ao avogado ferrolán Alfonso Quintana Peña, aínda que Suárez Castro, que tamén figuraba na candidatura, non obtivo escano. Un mes tarde acudía como delegado ao Congreso Extraordinario do PSOE celebrado en Madrid en plena euforia. Alí reafirmaría a súa aposta polas correntes máis mornas e pola participación nas institucións do novo réxime, cousa que daquela nin sequera discutía o mesmísimo Largo Caballero. E esa aposta foi a que permitiu aos ourensáns espallar a súa estrutura por un crecido número de concellos da provincia e incrementar a súa presenza naquelas sociedades agrarias e de oficios varios que xa na Ditadura representaban o seu principal soporte fóra da capital.

Ben distinta foi a actitude dos comunistas ourensáns. Segunda narra L. Soto, no mes de maio "Benigno Álvarez, veterinario de Maceda, Rafael Ochoa, empregado do ferrocarril, Docampo Pousa, carpinteiro, Jesusa, tintoreira, Salud, obreira, Antonio Fernández Carnicero, médico, e algúns outros camaradas pronunciáronse por non votar nas próximas eleccións as candidaturas republicanas e socialistas, e votar a candidatura que remesaba o Comité Central do Partido Comunista dende Madrid (...)" : a lista obtivo unicamente 14 votos.

En Agosto facía a súa aparición o semanario La Lucha, que dirixía o socialista Marcos Naval, do cal M. Suárez se convertería nun dos seus máis asiduos colaboradores; pouco antes nacera El Soviet, o voceiro dos comunistas ourensáns, que desaparecería ese mesmo ano sen que se conserve ningún exemplar desta publicación. Suárez foi reelixido un mes máis tarde secretario do Comité socialista local e en outubro estivo presente como delgado no Congreso Rexional de Monforte. Como lembra M. Valcárcel , o principal punto de discusión foi a posición a adoptar diante do Estatuto de Autonomía de Galicia: agás o grupo ferrolán de Xaime Quintanilla, a maioría do partido non consideraba unha prioridade dar satisfacción ao sentimento autonomista polo que, co voto do antigo canteiro ourensá incluído, aprobouse unha moción en contra dos anteproxectos que principiaban a circular. O partido aceptaba unicamente unha simple descentralización administrativa municipal cuxa intensidade aínda estaba por determinar.

Coa entrada do novo ano, a anunciada paralización das obras do ferrocarril serviu para que o movemento obreiro ourensán tomase novos folgos. As folgas de 1932 vivíronse, en efecto, con especial intensidade na provincia de Ourense e constituíron unha boa oportunidade para poñer a proba a fortaleza das diferentes organizacións que pugnaban polo seu control.

(*) Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats