Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Literatura e cidade: o caso de Vigo

En novembro de 2019 Pertenza organizou na EMAO a mesa redonda "Literatura e cidade: o caso de Vigo", moderada polo profesor Ramón Nicolas, e na que participaron Manuel Esteban e Beto Luaces. Dúas das voces -en palabras de R. Nicolas- que non só puxeron a Vigo como pano de fondo das súas ficcións, senón que "a propia cidade latexa e cobra categoría de protagonista".

Manuel Esteban, premio Xerais 2016, di que Vigo configúrase como atmósfera sobre a que construír a súa primeira novela, "A ira dos mansos". Na segunda, "O meu nome é ninguén", vé a Vigo como unha grande tea de araña na que milleiros de moscas viven unha ilusión de liberdade agardando "a quenda para un banquete do que son, sen sabelo, o prato principal". Engade que quizais deberan ser os historiadores, sociólogos ou economistas os que explicasen o fenómeno literaturizador da cidade tan en boga nos últimos tempos. Unha historia literaria que xa arrinca desde Martín Códax falando en voz de mar, "cosmopolita pero periférica e humilde á vez, cínica e retranqueira". Precisamente a novela negra ou policial -conclúe- é un xénero que "se move nesa ambigüidade moral propia de fronteiras e dos antihérois. Pensemos que aquí viviron e teñen placa xigantes das letras como Cunqueiro, Torrente ou Cela".

Pola súa parte, Beto Luaces, autor da serie VICUS, sostén que se está a vivir un momento histórico no que respecta a atención aos libros que teñen a nosa cidade como centro. O escritor nunca antes pensara que, décadas despois de "O crepúsculo e as formigas" de Ferrín, el mesmo chegaría a meter Vigo nas súas historias. Tamén nos di que tivo a súa importancia o feito de recuperar para o lector actual o libro de Verne "20.000 leguas...", grazas o esforzo da sociedade Verniana. Todos éstes son antecedentes dunha sociedade viguesa na que, nas súas verbas, non se soubo promocionar a cidade, alomenos no eido literario. Unha cidade definida polo que non é: nin capital de provincia, nin burguesa, sen poder administrativo nin político, pero, por outra banda, dinámica e chea de contrastes, con xente de todas partes, cun urbanismo caótico e cunha importante área rural. Unha cidade que sabe reinvertarse e cuns ingredientes axeitados para obras e tramas literarias e amplo xogo para a novela negra.

*Profesor de lingua e literatura española. Membro da Asociación Cultural Pertenza

Compartir el artículo

stats