Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

HISTORIA

Manuel Suárez Castro e Benigno Álvarez, agardando a república

Manuel Suárez Castro naceu en Ourense no nº 5 da rúa do Triunfo o 6 de outubro de 1890 no seo dunha familia moi humilde que só puido costearlle os seus estudos primarios. Ese mesmo ano, o goberno liberal de Sagasta aprobaba a lei de sufraxio universal masculino, a cal, sen alterar a esencia da "quenda pacífica" na que se baseaba o sistema da Restauración, modificou substancialmente os parámetros polos que se viña rexendo dende decembro de 1874. A política, ata entón reservada a uns poucos centos de persoas en cada un dos distritos electorais en que se dividía o Estado español, abríase, cando menos formalmente, ás masas obreiras e campesiñas e aos sectores das clases medias privados do dereito de voto polo sufraxio censatario imposto por Cánovas. De feito, só tres anos antes do seu nacemento, en 1887, inaugurárase o Centro y Sociedades de Obreros da Praza das Mercedes, que contaba cunha forte presenza republicana, pero no que tamén tiñan cabida dende agraristas a socialistas, pasando por librepensadores e anarquistas.

O Ourense no que aquel neno desenvolveu os seus primeiros xogos era pouco máis ca unha vila de regular tamaño: 11.567 habitantes na capital sobre un total de 15.250 no conxunto do municipio a xulgar polos datos tirados do censo de 1897. Ese mesmo ano tivo lugar un dos fitos do movemento obreiro ourensá: a folga do sector da construción, na que participaron arredor de 300 traballadores que demandaban a redución da xornada laboral, que daquela superaba as trece horas e media. Vintecatro dos trinta talleres existentes tiveron que claudicar diante da presión obreira e, aproveitando o clima de euforia, creouse a Sociedad de Obreros de Orense, de marcada ideoloxía socialista; estaba presidida polo canteiro José Cuíña e nela integráronse representantes de todas as agrupacións de oficios, cada unha das cales tiña a súa propia xunta directiva. A estrutura gremial prevalecía daquela sobre a solidariedade de clase con independencia da actitude amosada polos diferentes líderes, o cal é revelador de que o movemento obreiro aínda se atopaba nunha fase de organización bastante primitiva.

A Igrexa facía sentir a súa presenza en todos os ámbitos da vida cidadá. Daquela rexía a diocese Cesáreo Rodrigo Rodríguez, consagrado en 1876, o mesmo ano da aprobación da Constitución canovista, famoso por excomungar a Curros Enríquez e sentalo diante dun tribunal nun episodio que devolvera á cidade aos tempos da máis rancia Inquisición. Deu paso en 1896 a Pascual Carrascosa Gabaldón, o bispo que bendicira a creación do Círculo Católico de Obreiros no inverno de 1900-1901 para contrarrestar os avances que a ideoloxía socialista estaba a colleitar entre o reducido proletariado ourensán. De feito, non debeu ser casualidade que, só dous meses e medio antes da súa inauguración oficial, os metalúrxicos da capital sostivesen unha folga de dous meses e medio co apoio de todas as sociedades obreiras da capital.

Aqueles anos de principios de século non estiveron exentos dunha certa conflitividade na nosa cidade. Non só polas lóxicas demandas de mellora nas condicións de traballo e salariais dos obreiros senón tamén pola loita desatada entre as diferentes sociedades para seren recoñecidas como interlocutoras polos patróns a costa das súas competidoras. Isto non é obstáculo para que Ourense sexa tamén o escenario de diferentes congresos de unidade proletaria, como o que xuntou en 1901 a representantes de diferentes asociacións de Ourense, Carballiño e Celanova; esta xuntanza será o xermolo da futura unión Galaico-Portuguesa, na que confluirán sindicatos de Galicia e o Norte do veciño país unidos polo común desexo de traballar pola mellora da situación da clase traballadora.

Nesta particular batalla, os socialistas foron os que conseguiron mellores resultados na captación dos diferentes gremios e se fixeron co control do Centro. A seguir, principiaron un notable crecemento paralelo ao do asociacionismo obreiro, que tivo un dos seus fitos na visita cursada por Pablo Iglesias en 1899, ano de fundación da sección ourensá do PSOE . Secundino Couto Solla, o catedrático de Filosofía José Verdes Montenegro e o tipógrafo Bricio Serantes Echegaray eran os seus dirixentes máis destacados no cambio de século, xusto cando o noso primeiro protagonista viña de cumprir os dez anos e o segundo, Benigno Álvarez González, viña ao mundo na súa Maceda natal un 11 de marzo de 1900.

Imaxinamos, con todo, que foron os sucesos de abril de 1909 os primeiros que deixaron fonda pegada no futuro alcalde. Daquela, nove campesiños perderan a vida e outros 27 resultaran feridos nun enfrontamento coa Garda Civil en Oseira cando tentaban impedir a retirada do famoso baldaquino do mosteiro. Nada ten de estraño que a violencia anticlerical desatada en España naquela primavera escollese como vítima propiciatoria na moi practicante cidade de Ourense os locais do Círculo Católico, que foron apedrados o 7 de maio. Dende entón, serviron de pretexto para que toda a clase obreira se reunise na data sinalada na Praza Maior, moi preto da casa natal de Manuel Suárez, para propinar unha sonora pitada ao bispo Eustaquio Illundain y Esteban, sucesor de Carrascosa. A algarada remataba case invariablemente coa intervención da Garda Civil.

As condicións de vida dos sectores populares naqueles anos non invitaban precisamente ao optimismo. Máis afecta ao concepto cristián da caridade que ao da solidariedade entre as clases sociais, a elite social da cidade insistía en tentar aliviar a situación dos máis desfavorecidos con iniciativas de escasa efectividade práctica. Foi o caso, por exemplo, de Ildefonso Meruéndano Pérez, ex alcalde liberal do municipio, que, en nome da Sociedade Cívico-Militar, levantou a mediados de 1904 unha panadería con prezos subvencionados na zona norte do Campo de San Lázaro. E tamén da coñecida como Gota de Leche, inspirada polo doutor Lino Porto Porto; da súa directiva formaban parte un bo número de mulleres, a maioría consortes ou fillas de destacados membros desas mesmas clases dirixentes, caso de Rita Moreno de las Cuevas, Victoria Crespo de Cuevillas, Pilar Ruiz de Salgado, Celsa Veiras de Porto ou a Marquesa de Leis.

O brote de tifo de 1916 causou a natural alarma entre a poboación; nada comparable, en calquera caso, aos efectos da gripe de dous anos máis tarde, cando feiras, espectáculos públicos, escolas e centros de ensino tiveron que ser prohibidos ou pechados para frear o contaxio. Os sectores populares, duramente castigados polas pragas que afectaban ás colleitas, foron as principais vítimas da última das grandes pandemias que viviu a cidade. Engadamos a isto o crecemento da conflitividade social que se viña rexistrando dende os primeiros anos da década dos dez, con constantes folgas en diferentes sectores e a perda de poder adquisitivo dos salarios como consecuencia da suba do prezo das subsistencias no contexto da Primeira Guerra Mundial, e entenderemos o clima en que se desenvolveu na cidade na folga revolucionaria de agosto de 1917. Por certo que durante esta última a Garda Civil deu morte a un obreiro que participaba nunha xuntanza clandestina ás aforas da cidade, que quedou a escuras como consecuencia dunha sabotaxe. Non tardaremos en ver a Suárez Castro compartindo tribuna co avogado rioxano Eduardo Barriobero Herrán nun mitin reclamando a posta en liberdade dos que aínda permanecían detidos pola súa participación na mesma.

Cando menos dende había tres anos, o mozo Manuel Suárez compaxinaba o seu traballo de canteiro coa presidencia das Xuventudes Socialistas de Ourense. Daquela, o seu prestixio entre as sociedades obreiras, que dende 1914 estaban agrupadas na Federación Provincial de Traballadores, e os aínda cativos efectivos dos seguidores de Pablo Iglesias na capital era xa considerable. Isto permitiulle ser elixido presidente da activa Sociedade de Canteiros cando aínda non se convertera no dono dunha pequena empresa de construción que mesmo chegaría a contar con importantes contratas públicas, caso da Praza de Abastos. De feito, tamén entre os representantes da quenda a nivel local tiña máis dunha simpatía. Tanto que en abril de 1920, cando contaba con 29 anos, entrou como concelleiro na corporación ourensá, na que coincidiría con persoeiros de moi distinto signo político que constituían a elite local da industria e o comercio ourensán. Entre eles Francisco Villanueva Lombardero -daquela elixido alcalde-, Emilio Amor Rolán, Alfonso Junquera Devesa, Juan Rodríguez Montero, Narciso Rivas Martínez, Luis Fábrega Coello, José de las Cuevas Vázquez, Eugenio Lorenzo Vidal, Alejandro Rodríguez Cobelas, Arturo Fernández Magdalena, Constantino Bouzo Fernández, etc.

Daquela o municipio de Ourense mantiña a tradicional división en catro distritos no que as eleccións municipais se refería: Nacente, Norte, Poñente e Mediodía, divididos, á súa vez, en dúas seccións; cada un deles, ademais dos concelleiros que o representaban, tiña un alcalde de barrio encargado de canalizar as demandas dos cidadáns aos edís, do mesmo xeito que facían os representantes dos nove núcleos rurais que se integraban na capital (Granxa, Santa Mariña do Monte, Mariñamansa, Regueirofozado, Seixalbo, Rabo de Galo, Cabeza de Vaca, Reza e Ceboliño).

Apenas un mes e unha semana de tomar posesión do seu cargo, tivo lugar unha soada protesta relacionada coas dificultades de abastecemento e o alto prezo das subsistencias. Dende meses atrás eran constantes as denuncias contra certos especuladores da capital que preferían desviar cara Vigo grandes cantidades de alimentos polo meirande marxe comercial. O propio alcalde, o xa citado F. Villanueva, publicou un edito no que prohibía estas prácticas ata tanto non estivesen garantidas as necesidades da poboación. O 18 de maio de 1920, unha multitude asaltou numerosos establecementos entre os que estaban os almacéns de Florentino Moretón e a viúva de Eire, bazares como o de Cisneros, tendas de tecidos como as de Simeón García, Fernando Olmedo ou Román, a mercería de Felipe Santiago, a zapatería de Celestino Prieto... Para restablecer a orde foi precisa a intervención da autoridade militar, na cal o gobernador civil tivo que resignar o mando.

Naquel tempo, Benigno Álvarez viña de retomar o contacto coa súa comarca natal, tras superar os estudos primarios en Ourense, facer o Bacharelato en Santiago e culminar na cidade do Apóstolo a carreira de Veterinaria seguindo os pasos do pai, prematuramente finado en 1919.

*Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats