Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

A liberdade está no mar

Entre as diversas efemérides desta derradeira semana de abril, mes por excelencia dos libros e da liberdade, está a do octoxésimo terceiro aniversario do suicidio colectivo de nove republicanos galegos no bou Eva atracado no porto pesqueiro do Berbés. Un dos episodios máis dramáticos da Guerra Civil en Vigo, silenciado durante décadas e hoxe aínda insuficientemente investigado, protagonizado por oito homes e unha muller que vivían coma toupeiras naquel perigoso Vigo de 1937 e argallaron unha fuga por mar nunha das embarcacións, que ía iniciar a súa marea ao Gran Sol, coa intención de desviar o seu rumbo a un porto da España leal para dende alí incorporarse ao exército republicano. Un relato tráxico con tintas heroicas sobre o que deita nova luz o historiador Xoán Carlos Abad, presidente do Instituto de Estudios Vigueses, nun dos capítulos do seu libro máis recente, "O soño crebado. Da República á Guerra Civil en Vigo e na súa bisbarra" (IEV, 2019), atractivo e utilísimo volume de intencionalidade didáctica iluminado de forma moi emotiva por Evaristo Pereira, un dos mestres da ilustración viguesa.

Como xa fixera Dionisio Pereira no seu libro "Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939)" (Xerais 2009), Xoán Carlos Abad encadra o intento de fuga do Eva na proeza que mediado o mes de marzo de 1937 protagonizara a tripulación doutro bou, o "Emilio Márquez", o arrastreiro en parella do "Manuel Vieira Manzanares", que conseguira burlar o férreo control das autoridades militares franquistas sobre o tráfico na ría de Vigo e despois de dous días de travesía atracara no porto de Bilbao, onde desembarcaron os seus doce membros. Un mes despois argallouse unha nova fuga por mar dende o porto vigués, desta volta protagonizada por un colectivo de polisóns republicanos, que representaban a pluralidade política da Frente Popular na cidade.

O relato daquela fuga, como sinalou o profesor Xesús Alonso Montero, un dos investigadores que máis afondou no caso, posúe todos os ingredientes dun filme dramático. Na noite do 22 de abril foron entrando no "Eva", burlando o servizo de control de acceso ao peirao vigués, até nove persoas, que axudadas por un membro da tripulación foron ocupando agocho na zona de proa, no sollado existente baixo o dormitorio, arredor do alxibe de auga, onde se gardaba a cadea da áncora. Cando xa estaban no agocho, os polisóns foron sorprendidos por outro mariñeiro da tripulación, Juan Lamas Varela, que deu aviso de semellante irregularidade ao patrón. Aí comeza o operativo das autoridades policiais que abortaron a evasión no que participaron un importante continxente de forzas mixtas, composto por gardas civís, gardas de asalto e falanxistas, baixo o mando de Gumersindo Salinas, capitán da Garda Civil, e Cándido Santos, tenente dos Gardas de Asalto.

Diante da negativa dos acosados a saír do seu agocho, os mandos da operación inundaron a sala de cadeas, para o que empregaron a bomba de auga dun dos buques alxibes que abastecía no porto. Antes que a auga comezase a bordar pola sala da tripulación escoitáronse oito tiros e máis un. Ás catro da madrugada, cando se abriu a trapela atopáronse nove corpos no interior, todos con feridas de bala nas súas tempas. Os polisóns decidirán suicidarse antes de entregarse. Conxurada a evasión comezaron as pescudas para identificar aos posibles cómplices da fuga. Pronto estas apuntaron ao cociñeiro José Andrés e ao paleiro Ignacio Iglesias del Río, quen sería condenado a morte e fusilado na Base Naval de Ríos o 21 de maio de 1938.

Coñecemos cada vez un pouco máis das vidas dos polisóns do Eva. Os dous mestres nacionais galeguistas de Rianxo, curmáns de Afonso R. Castelao -José Losada Castelao (45 anos) e Manuel Rodríguez Castelao (31)- estiveran agochados durante uns meses en Vigo na casa de Ramiro Isla Couto, como está acreditado que Domingo Pombo López, secretario do Partido Galeguista en Ferrol, salvou a vida grazas a que chegou un pouco tarde á cita do embarque. Sabemos da militancia socialista de Manuel Martínez Moroño (44), coñecido por "Manuel Fernández", e dos albaneis e irmáns Fernando (37) e José Rodríguez Lorenzo (30), que segundo a nota do xulgado de garda levaba "un cinto cunha chapa onde estaban as insignias da fouce e do martelo". Como a militancia comunista de Luis Álvarez González (30), carpinteiro de Barreras, de Camilo Campos Méndez (33), barbeiro, e de Ángel Nogueira Nogueira (30), contable da conserveira Gándara y Haz, casado con Carmen Miguel Agra (24), membro de Mujeres Libertarias, a quen se lle incautou un aro axustador de 4,20 gramos. Eles e ela acreditaron que a liberdade estaba no mar. Reconstruír o relato e recuperar as súas biografías anónimas son formas cada abril de sementar ronseis de liberdade.

stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats