Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Ociosos bois da memoria

Deixamos Xosé Soto de Arxeriz co cortexo fúnebre de Tierno Galván na confluencia madrileña de Marqués de Cubas e Alcalá. Moitos pensaban en Tierno como na esperanza rota de certa esquerda socialista ao modo Allende ou Palme. A CIA trataba o PSOE con mimos infindos. Liquidara politicamente a Rodolfo Llopis por considerar morno o atlantismo deste. E a CIA escenificou Suresnes e puxo no sitio do pedagogo Llopis a Felipe González cun coro de maus cómicos, digamos pedíndolle malicia emprestada a Castelao.

A Tierno e ao seu novo partido, PSP, foille atuído o acceso ao goberno e ao Parlamento de España. El respostou facéndolles ver aos españois o moito que perderan confinándoo na gaiola dourada da alcaldía de Madrid encanto os renovos ambiciosos dun PSOE cociñado pola CIA pactaban a perpetuidade na Moncloa a inxustiza social. O ocio forzado do coronavirus lévanos a remoer na vida e obra de Tierno Galván.

Así é como nos regresa á memoria o Tierno salmantino da nosa primeira mocedade. Daquela Tierno era un xove profesor que acentuaba o seu interese antifranquista desde o ideal europeo. Logo, miramos Tierno a tecer, con Morodo e desde Marqués de Cubas, a arañeira do "Partido Socialista en el Interior". Este non carecía de opción obreira: denunciar a inoperancia de UGT e entrar en CCOO. E iso que a arañeira do PSI estaba urdida principalmente por xuristas, sociólogos, politólogos e estudantes! Dos primeiros, fíxose notar na oposición galega unha selección honrada e capaz.

No 1968, varias personalidades da revolta estudantil compostelana perteneceron ao Frente Socialista Universitario de Tierno. Avogados tiernistas, coma Mariano Robles, defenderon encausados da UPG á que pertencía o Xosé Soto de Arxeriz que nos está a provocar este revoltallo en farrapos de acordanza. A Liga Democrática de Vigo (nada que ver coa LCR) foi depositaria temporal dunha multicopista confiada polo PSI. Logo, ao ser tragados o PSP e o tiernismo polo PSOE, a Transición fíxose máis cativa. O carrillismo, no seu intento eurocomunista por reducir a borralla a imaxe de Lenin, labouraba en favor da caída do socialismo real. O réxime da II Restauración Borbónica foise dilatando no tempo, e só poderá terminar nunha outra e diferente cousa.

Na desorde do virus aínda non lle puxemos nome a esoutra Cousa. E os nomes que reciba a Cousa poderán ser moitedume.

Compartir el artículo

stats