Morreu Luis Eduardo Aute e con el un anaco importante da miña vida. Morreu Eduardo, o meu amigo. Esa persoa que cambiou, en moitos sentidos, o rumbo da canción de autor en España. Esa persoa que non se pregou endexamais ao poder e foi libre na súas cancións, nos seus poemas, en todas as súas creacións sempre enfocadas cara a unha análise da realidade sen panos quentes. Como afirma Caballero Bonald, ao falar da súa obra global, " nas súas composicións, musicais ou non, parecen convivir sen maiores trabas a realidade máis virulenta cunha implacable visión fiscalizadora que conduciu ao delicado e perverso despezamento da realidade".

Cada vez máis espido e máis directo no emprego de recursos expresivos, a emoción que desprendeu sempre, artística e persoalmente, permanecerá indefinidamente nos corazóns dos que o quixemos. Coñecelo persoalmente foi un agasallo dos deuses. Entrar no seu mundo físico en Madrid, na súa casa, posar para un retrato, ler poemas dos meus libros na butaca do seu salón, moverme entre os seus cadros -rematados, uns; a medio pintar, outros-, ler os sus correos preñados de amizade e agarimo, sentir as súas apertas cargadas dun afecto fondo, son anacos dunha vida que me axudaron a ser mellor persoa, sen ningunha dúbida. Luis Eduardo foi sempre un ser humano consciente do seu papel nunha sociedade que o levou dun intimismo envolvente a unha épica abrupta e extravertida, testemuño da atrofia desa sociedade estúpida e vil. A súa humanidade foi sempre enorme. Nunca esquecerei os seus correos electrónicos nunha época difícil da miña vida. Dánbame esperanza e ganas de saír do pozo. As súas verbas animábanme decote para persistir na loita. E non digo nada, o día en que recibín un paquete que contiña un cadro dedicado e enmarcado!!! que me enviou dende Madrid. E canto sinto que non puidese alegrarse por min, cando me outorgaron o Premio Nacional. El, que tanto loou os meus poemas, sería feliz, moi feliz, porque se alegraba dos éxitos dos amigos. Teño nas miñas mans a poesía completa do artista, do amigo, do loitador, do home en continua convivencia coas súas dúbidas. Do creador, en fin, que lega unha obra que aguanta o peso e o paso do tempo. E volvo a ler os seus poemas e as súas cancións no papel. Pura poesía que alimenta o espírito.

Marchou Luis Eduardo quizais á súa Albanta ou a Vailima, non o sei. Talvez o paso por este mundo, demasiado atroz ás veces, tocaba á súa fin. E moitas e moitos choramos a súa ausencia física que non moral. Poño no reprodutor unha das cancións máis belidas e fustrigadoras a un tempo, La belleza, e leo un poema de "La liturgia del desorden": H a sido/ un combate a vida, / un cuerpo a cuerpo/ contra la vida misma. /Desde este cadáver de palabras, / a mi efímera vencedora / suplico/ el derecho a ausentarme, / durante alguna eternidad, / de la mortaja / que son sus latidos. / Dios se lo pague.

Así marchou Luis Eduardo. En silencio, sen dicir ren. Así nos deixou este ser reflexivo que non caeu de xeonllos endexamais diante dos poderosos. Deste xeito, nos momentos tan duros que estamos a vivir, foise un pudoroso da raza dos "solitarios solidarios" que quería Camus, en acertadas palabras de Antonio Martínez Sarrión.

Sempre serás unha presenza marcada na miña vida. Unha beleza con maiúsculas.