En Puxallos somos pouquiños pero somos ruidosos. Poida que sexamos o único pobo no cal o vecindario cada día ás oito en punto da tarde temos unha cita para saír aos balcóns ou xanelas, xuntos e xuntas, a aplaudir berrando un "viva", "grazas", "bravo", "un día máis é un día menos"..., así cada un dos días deste confinamento.

Agora máis que nunca estou moi orgullosa de vivir na aldea, é máxica e con encanto. Eu e nós podemos dicir que quedamos na casa sentíndonos afortunados e privilexiados. Ledicia de poder gozar desta relación cotiá e acolledora que se segue mantendo nalgúns pobos do noso rural galego. Ata os cans na hora dos aplausos saen e xúntanse alzando os seus ladridos. E nós espero que volvamos xuntarnos moi pronto no campo, como o fan eles, pero polo de agora cada quen na súa casiña. Na actualidade somos seis casas habitadas, e dende a cima do pobo até o fondo asomámonos once de nós cada día, cun único denominador común: aplausos de corazón cargadiños de agradecemento por elas, por eles, por todo o persoal sanitario, aplausos solidarios por aqueles e aquelas que nos coidan e que saen traballar cada día, e sen esquecer tamén a todas esas persoas cunha solidariedade e capacidade de axuda impresionante. Dende aquí e deste xeito queremos demostrarvos que merecedes todo o noso respecto, consideración e afecto.

Dous dos nosos veciños realizan o coidado dalgún familiar dependente na casa, e de outras dúas casas saen dúas veciñas cada día a facer o mellor posible o seu traballo, atención sociosanitaria a domicilio, coidar de outras persoas, traballo que non se pode deter. (Por certo, aproveito a ocasión para sorprender a unha delas: parabéns, Mary Luz, que estás de cumpreanos estes días. Grazas por ser, por estar e por existir).

Rebrandecémonos confesando que se bota moito en falta a xuventude do pobo, estráñasevos rebulindo por aquí, Naomi, Sonia, Iria, Hernán, Vanesa, Nuria... esas netas, fillas e sobriñas. Por iso e máis vos fago partícipes todos os días premendo o botón da morriña e nostalxia cando vos envío un vídeo ou audio. Todo isto quedará para o recordo, e será contado nun futuro ó pequeno Bruno, que está de camiño. E, xa que menciono ao resto, non esquezo aos que estamos agora mesmo, Marisol, Adrián e eu, que se a cuarentena se prolonga no tempo animarémonos a facer pancarta e todo.

Cando todo isto remate, agardo que antes do San Roque, faremos a gran festa de apertas e bicos, comunicarémonos máis, gozaremos conscentemente da pureza do aire que aquí respiramos, pero, polo de agora, toca agardar. Paradoxicamente, agora temos máis tempo ca nunca e non podemos compartilo doutro xeito.

A paleta da vida é de moitas cores, como a natureza que nos rodea, que vai cambiando tonalidades segundo a estación, aínda que agora mesmo todo semelle grisáceo diría que non reinen os nosos temores máis profundos. Estamos dando o mellor de cada, permitámonos entón gañar coraxe, forza, confianza e novas perspectivas á vida. Mañá voltará saír o sol, así que sigamos vivindo na procura dese equilibrio de novo.