DTO ANUAL 27,99€/año

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo: contra o Covid-19

Este 2 de abril de 2020, Fundación Menela non celebrará o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo (DMCA) no Auditorio do Concello de Vigo como consecuencia da pandemia do Covid-19. Para os alumnos do Colexio Menela, os nenos do Servizo de Diagnóstico e Atención Temperá, os usuarios do Centro de Día e Residencial Castro Navás (Nigrán), familias e amigos é unha celebración marabillosa, simpática e reivindicativa sempre animada pola Orquestra Castro Navás.

O lema para conmemorar o DMCA 2020, proposto por Autismo Europa: "Podo aprender. Podo traballar", é benvido polo Colexio Menela onde os alumnos aprenden cun apoio educativo global, en función da súa singularidade deseñando e adaptando as contornas de cara a súa transición para a vida adulta, fomentando cambios na sociedade, valores e crenzas positivas na persoa con TEA. O educador entra así na lingua do alumno a través das palabras ou os xestos: "Mais coma un mestre do desexo que coma un mestre do saber" (Lacan).

O Centro de Día e Residencial Castro Navás é "un lugar de vida" (Maud Mannoni), onde se continúa aprendendo e traballando. As persoas que nos visitan comproban e sorpréndense de como os autistas traballan partindo da idea de que, a única inclusión posible, non é outra que a través do traballo. Castro Navás, cos proxectos europeos Horizón, desenvolveu desde a súa inauguración (1993), un abano importante de obradoiros: agropecuarios, lavandeira industrial, cociña-hostalaría, saúde integral, comunicación, música e pintura, actividades deportivas, etc.

En cadanseu centro consideramos que a educación e o traballo é unha lei para todos e as persoas con TEA non poden estar fora dela. Facemos propostas tendo en conta as diferentes habilidades e capacidades destas persoas, apoiando a súa inclusión educativa e laboral sempre e cando se arbitren os medios que obviamente necesitan: idoneidade educativa, formación previa, propostas de traballo, acompañamento e apoio. Aplicamos a frase de: "Pasar de facer con... a facer coa mirada de... hai que propoñer e non impoñer... hai que dar... e deixar coller" (G. Soleilhet).

Porén, a día de hoxe a nosa máxima prioridade e loitar contra o Covid-19. As actividades están en función das recomendacións ditadas polas autoridades sanitarias e sociais en relación a pandemia. O equipo directivo, os traballadores de atención directa, enfermeiras (DUE), traballadora social, administrativas, de mantemento, cociña, limpeza, familias e amigos do Centro Residencial Castro Navás están mostrando unha profesionalidade e dedicación encomiable e a pesar dos medos, a ansiedade e a angustia contida, comparten cos residentes bos momentos, transmitíndolle tranquilidade e afecto. Nesta inxente tarefa colaboran tódolos equipos de profesionais e traballadores da Rede Menela: psicoterapeutas do servizo de Diagnóstico e Atención Temperá e os profesores e ATE do Colexio Menela.

*Director Xeral Fundación Menela

Compartir el artículo

stats