Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Burguesía agroalimentaria

Desde os anos vinte do século tamén vinte, fíxose notar unha actividade, en toda Galicia, de carácter mercantil e industrial relacionada co campo. O agrarismo político primeiro, e despois as Irmandades e o Partido Galeguista, preocupáronse pola economía rural e a comercialización e transformación dos productos en réxime cooperativista ou capitalista. A dictadura de Primo de Rivera asumiu esta mentalidade, (en parte tamén o asociacionismo católico) depurándoa de contidos nacionalistas e republicanos. Na deputación de Pontevedra, so o mando do militar De la Sota, creouse a Misión Biolóxica de Galicia que foi moi coñecida polas investigacións en xenética vexetal que fixeron posíbel o millo híbrido. Na deputación de Lugo, J.Rof Codina, entre outras cousas, estabeleceu a morfoloxía da raza rubia galega de gando vacún. Despois da Guerra Civil, o franquismo tolerou un certo reformismo e un cooperativismo controlado e dentro do sistema. Unha promoción nova de empresarios agroalimentarios fíxose notar. Posteriores a 1939 xurdiron novas empresas e individualidades na órbita da agroindustria e comercio. O grupo familiar liderado por Xosé Fernández López situouse á cabeza con matadeiros, frigoríficos, e uns laboratorios, Zeltia, moi centrados na fitopatoloxía de cultivos. Valcarce, gran patrón multiindustrial e financeiro, ergue unha espectacular panificadora en Vigo. A partir da experiencia monacal de Poio proliferaron as pequenas granxas avícolas con castes de pitas importadas e rendedoiras que fixeron recuar ás autóctonas. Foi medrando a produción industrial de queixos e manteigas, máis tarde de iogurt.

Nos anos sesenta pasados, Gómez Franqueira, apareceu para erguer un movemento cooperativo agrogandeiro e avícola utilizando a estructura franquista da CNS: o complexo que agora é Coren, en pleno florecemento. Aínda Franqueira foi capaz de animar, en política, o partido Coalición Galega. A familia Rodríguez produce e comercia en lácteos nos anos cuarenta e impulsa a central Larsa. Xosé Soto ten actividade empresarial propia e na súa memoria funciona hoxe a Fundación Soto de Fión, que, entre outras cousas, mantén un museo e edita libros en Arxeriz, concello do Saviñao. De Larsa sábese que foi absorbida por unha compañía non galega. En canto a Feiraco, xurdirá en Negreira, en 1969, moi inspirada polo entusiasmo nacionalista de Avelino Pousa Antelo, como cooperativa e sociedade de autoprotección campesiña. E veleiquí que, en 1960, a agroindustria, da man de Xosé Fernández López, fai confluencia histórica coas industrias pesqueiras e conserveiras de peixe que producían largos beneficios no noso litoral desde o século XVIII. Fernández López funda con Valentín Paz Andrade, teórico nacionalista, técnico da FAO, avogado, escritor e propietario da revista Industrias Pesqueras, a empresa destinada a revolucionar a frota extractiva galega coa utilización do frío industrial ben coñecido nos matadeiros e nos trnasportes de carne. A todo isto, desde 1966, so a dirección de Arcadio López Lens, nacía en Lugo a Caixa Rural, entidade cooperativa que sobreviviu a operación de exterminio levada a cabo polo PP contra as caixas galegas de aforro dolosamente unificadas, bonificadas e malvendidas ao grande capital. Illa Couto, Valentín Arias, Nicanor Ocampo, Luis Iglesias, Cruz Gallástegui e a figura omnipresente e multidisciplinar do fomento ilustrado do século XX, Xoán López Suárez ( Xan de Forcados) son algúns outros nomes de persoas relevantes na xénese dunha burguesía nacional agroalimentaria. Proximamente explicaremos a razón que nos moveu a escribir esta columna, máis longa do que é costume noso.

Compartir el artículo

stats