[PRIMEIRA ENTREGA]

...A estraña presenza que lle puxo os pelos de punta a Xabi resultou ser un veciño. Disfrazárase de zombi e agardaba agochado detrás da casa. Cando alguén chamaba ao timbre, empezaba a emitir estraños sons coa gorxa. Logo saía do seu agocho cos brazos estendidos cara adiante, finxindo ser un morto vivente. Xabi levou un bo susto. Case chora e todo. Non lle gustaba nada aquel disfrace todo esfarrapado e aquela cara pintada con cicatrices. Parecía un zombi de verdade.

-Quero marchar para a casa -bisbou, abrazándose á súa nai.

-Eh, Xabi, que son eu! -díxolle o zombi, poñendo voz de ser humano-. O teu veciño favorito, o que sempre te choca os cinco. O pai de Bruno, lembras?

O neno tranquilizouse un pouco.

-Queres uns bombóns? -preguntoulle, sacando unha presada do peto da camisa.

Xabi ofreceulle a cesta para que os botase dentro, deulle as grazas e continuaron o seu percorrido polas outras casas do barrio. Así, pouco a pouco, a cesta foise enchendo ata case rebordar.

-Nesa cesta levas chocolate para tres meses! -dixo a mamá de Xabi.

-Para tres horas -corrixiuna o neno.

Estaba convencido de que podía papar todo aquel chocolate dunha soa vez, vendo un par de capítulos dos seus debuxos favoritos. Chegou á casa cun sorriso xigante, de rebanda de sandía ou de lúa crecente. Os seus veciños foran moi xenerosos. El devecía por comer todo o chocolate da cesta aquela mesma noite, mais a súa nai advertiuno:

-Hoxe xa non podes comer máis, que te vas poñer malo. Entendido?

Xabi díxolle que si, mais por dentro pensaba: xa veremos. Quitou o disfrace de esqueleto, puxo o pixama e meteuse na cama. Intentou durmir, mais ansiaba ir á cociña, subir a unha cadeira e alcanzar a cesta das larpeiradas. Non era quen de sacar aquela idea do pensamento. Sabía que, se os seus pais o descubrían, o castigo ía ser colosal, mais as ganas eran tantas que non se puido conter. Cando o silencio da noite se apoderou por completo da casa e estivo seguro de que os pais durmían, prendeu a luz do seu cuarto e foi a cociña, a pola cesta das larpeiradas. Comeu todo o chocolate que lle apeteceu: ovos, moedas, bombóns... Comeu e comeu ata que xa non puido máis. Regresou á cama co bandullo cheo e axiña quedou durmido. Esa noite tivo moitos pesadelos. Retorceuse na cama soñando con zombis e esqueletos xigantes, sen saber que na vida real estaba a suceder algo extraordinario. O corpo de Xabi empezou a medrar e medrar ata que rebentou as costuras do pixama. Mais o asunto non quedou aí: o neno sufriu unha mutación. Xabi converteuse nun Xabi de chocolate...

[CONTINUARÁ]