Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Testas coroadas

Acaso lgún(s) de entre Vdes. han de obxectar, se cadra, que non vén ser este nin o momento nin a ocasión. En primeiro, e fundamental, lugar porque estamos a pasar a que estamos a pasar e o que agora lle corresponde é apenas a concordia e ocasión haberá para entrarmos en debates. Asemade, engadirán outros, escrita está aquela sentenza -teiman en atribuírlla a Íñigo López de Loyola- que prescribe: "en tempos de tribulación, non facer mudanza". Polo demais, tal parece que nin sequera os máis doctos o tiveron sempre claro: sen ir máis lonxe, D. José Ortega y Gasset estimaba, en xaneiro de 1913, que conviña "hacer la experiencia de la monarquía"; xa en novembro de1930, e desde as páxinas de "El Sol", o autor de "La rebelión de las masas" aseveraba "Delenda est monarquía"; en fin, o 6 de decembro de 1931, e sobre o taboado do madrileño Cinema de la Ópera, aínda iría pronunciar a súa célebre "Rectificación de la República". Xa que logo, L´uomo è mobile qual piuma al vento, muta d´accento e di pensiero? Pode ser. En todo caso, quen si muda arreo é a circunstancia.

Claro que, doutra banda, máis espazo de -forzado- acougo que o que temos agora mesmo, é ben difícil -e nada desexable, desde logo- que volvamos contar. Polo tanto, e mentres a "cacerolada" segue a ecoar, déanme os, sempre moi amables, lectores licenza para, tan sequera, apuntar un par de notas ao respecto.

Adoitan aducir os defensores da forma monárquica a presenza e continuidade da mesma en lugares como Suecia, Noruega, Dinamarca, os Países Baixos...e, xa non digamos, o Reino Unido. En efecto, trátase de exemplos, todos eles, de pacífica coexistencia entre unha institución que, se mire como se mire, remete si ou si a tempos de estreita alianza entre tronos e altares, e mais fórmulas de democracia avanzada. Non obstante, adoitan así mesmo ocultar os tales valedores o feito de que dita persistencia ten moito que ver coa actitude dos respecitvos monarcas de noruegueses, neerlandeses... -e británicos, claro é - no transcurso da Segunda Guerra Mundial. Sen ir máis lonxe, e mentres no país se conformaba un goberno colaboracionista cos nazis -o gabinete Quisling- o rei Haakon de Noruega, o príncipe herdeiro Olaf e mais o goberno lexítimo mantiveron unha heroica resistencia, índose refuxiar logo na Gran Bretaña, onde asemade foron parar Guillermina dos Países Baixos e o seus ministros. En calquera caso, unha disposición e conduta que contrata decididamente por esoutra seguida polos soberanos reinantes en Romanía ou Bulgaría (e xa non digamos Italia), os cales foron perder os seus respectivos tronos logo de finalizada a contenda.

Abusando aínda da licenza e amabilidade dos seguidores destas liñas semanais, aínda un anaco de política-ficción: contan que un certo día, tal vez a finais dos 80/comezos dos 90, tivo lugar a seguinte conversa nas dependencias da Zarzuela: "Majestad, el país -con la excepción del asunto vasco- está substancialmente tranquilo. No se preocupe, todo irá bien." A resposta real, daquela,veu ser tal que esta: "Me llena de satisfacción y de orgullo escuchar semejantes palabras, pero...¿y los republicanos? ¿Es que se han vuelto todos monárquicos por arte de magia?" "No hay peligro por ahí, señor. Verá: no se han vuelto monárquicos, eso no; pero sí que buena parte de España se declara ahora mismo juancarlista."

Non sei Vdes., pero este modesto cronista entende que se o anterior "non è vero, è ben trovato". En calque caso, o conselleiro aúlico, ou o que queira que fose, esqueceu de advertirlle ao seu soberano -e este de preguntarllo- algo, non obstante, de vital importancia: que a pesar de todos os pesares, por nada do mundo fose deixar o monarca de actuar de Juan Carlos para transformarse -retransformarse, mellor- nun Borbón máis.É dabondo coñecido o que logo foi acontecer.

Nin os reis nin os presidentes da república proxectan a riqueza, gañan o Mundial ou curan ás doenzas. Non obstante, non vén ser esa a cuestión a tratar. Porque do que aquí estamos a falar é de lexitimidade: algo que si souberon/foron quen de gañar os casos, citados, da realeza de Noruega, Países Baixos... Non estaría mal, en consecuencia, que a monarquía española tivese a honradez, demostrase a nobreza -nunca mellor dito- de someterse de veras ao escrutinio polo que, ao cabo, han de pasar todos os demais españois se é que queren acceder algunha vez ao poder: presentarse a unha elección democrática e gañala. Nin máis pero tampouco menos.

Compartir el artículo

stats