27 de marzo de 2020
27.03.2020
Faro de Vigo
Os Camiños da vida

Atados a unha cadea

27.03.2020 | 01:47
Atados a unha cadea

Aproveito esta entrada de Primavera para remoer memorias que me saen ao camiño coma raposos fugaces en sobresalto. Folleo libros e papeis vellos e veño en lembrar un tempo presidido pola Esperanza que, por principio, debiamos todos aloumiñar coma un ben prezado, segundo o marxismo de Ernst Bloch. Lembro días, en Vigo, previos á marcha de Celso Emilio Ferreiro a Caracas. Estabamos, simultaneamente en México e en Galicia, botándolle os alicerces á UPG. Celso Emilio Ferreiro chamoume por teléfono e citoume, para gostar unha taza, no Condado, taberna situada nun pasadizo de Velázquez Moreno que hoxe é garaxe. A Celso, gorentábanlle moito as tascas, coma o Encantiño, que en Vigo se agachaban coma clandestinas e retiradas na cidade ruidosa en corrunchos escusados. Algo dese engado tiña a do Elixio, pero Celso citoume no Condado. Entrei e vin o poeta a falar e mostrarlle deferencia a don Juan Amoedo, que bebía viño, el só, nunha mesa de mármore, mentres a cazola da paipa lle quentaba a man. Celso tamén tivo etapas nas que fumaba por cachimba, e aínda me regalou un libriño titulado El arte de fumar en pipa.

Unha vez sós, Gulliver Ferreiro (expresión del) fíxose xigante. Leume uns versos que se lle viñeran á punta do bolígrafo da cal rápido transitaron á Olivetti de Urzáiz, no seu despacho. Cando o señor da paipa saíu do Condado, Celso Emilio leume a primeira versión dun poema titulado "Vintecinco anos de Paz". A versión definitiva, que apareceu un par de anos máis tarde en Galicia Hoy de Ruedo Ibérico, posiblemente sexa o mellor texto satírico antifranquista escrito en calquera das linguas peninsulares. A sátira, o escarnio, na súa vertente xusticeira, tiña en Celso Emilio o mellor artífice, ou sexa "il miglio fabro", que dicía Dante.

Por aquel tempo, en 1964, Fraga Iribarne estaba lanzando unha repugnante campaña de propaganda e adulación de Franco so o lema de "25 anos de Paz"(tamén en galego co que se ía perfilando un futuro presidente da Xunta de Galicia). Indignado, Celso empezaba así as súas "tercerolas" currosianas: " España, sangue e area, /trinta millós de farrapos / atados a unha cadea.// Todos levan sobre a faz / o carimbo da tristura:/ Vintecinco anos de paz". E, despois de múltiple e xeniais chicotazos, remata o poema anelándose sobre si mesmo coma a cobra: " España, sangue e area, / trinta millós de pantasmas/ van pasando en estadea".

É posíbel que os versos me acudisen á memoria por sentir o meu inconsciente a situación de retiro sanitario en que nos encontramos coma en aferrollamento. Pero non. Trátase só de que, ás veces, os vellos camaradas regresan da morte. Como cando nos procurabamos para gulapear unha cunca do branco daquel Condado de outras eras, un chisco toldado.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook