Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

É o momento decisivo

Lalín vive unha situación descoñecida no tempo, e imprevisible nas súas consecuencias, que fai que teñamos que replantexarnos moitas cousas coma sociedade. A crise sanitaria que estamos a padecer, a xeito de pandemia, é un dos maiores desafíos da nosa Historia, e con toda seguridade o maior da actual xeración. Unha sociedade convulsionada, que en moitos casos xa sufre as consecuencias dun "estado de alarma", no que coma sempre os máis desfavorecidos serán os que tristemente paguen as consecuencias, a non ser que a determinación dos gobernos e dos sectores financeiros decidan, por una vez, que desta vez non toca.

O goberno de Lalín e a oposición estamos en permanente comunicación sobre as medidas que se están a adoptar. Non é tempo de críticas, e si de esforzos compartidos. Probablemente os sectores que máis están a sufrir esta situación son os autónomos, dentro dos cales hai moitos afectados no pequeño comercio, e as pemes. O Concello de Lalín atópase nunha situación económica, dentro do desastre colectivo, absolutamente privilexiada, sen débedas, e coa caixa dos cartos chea, grazas a una responsable xestión económica anterior. Agora é o momento que dende a administración municipal se faga un esforzo histórico de apoio económico aos sectores produtivos da nosa vila, nomeadamente ao noso comercio. Nesa liña pedín ao actual goberno que traballase, con boa receptividade nun momento en que uns e otros estamos demostrando que quen importan son as veciñas e veciños, e non os nosos egos.

Un aviso claro tamén á banca... non so as grandes empresas que son solventes son as que teñen que recibir chamadas dos bancos ofrecendo apoio neste momento. Lalín e o seu tecido económico depende dos pequenos comercios, da hostalaría, e do sector primario tamén, para poder saír o antes posible de esta situación. Estou convencido de que a nosa poboación, os traballadores e os empresarios tomarán boa nota de se a banca en tempos escuros axuda a que se vexa a luz ao final do túnel, ou pon atrancos que no futuro serán imperdoables.

De todo isto non se sae so con palabras, senón con liderados claros que non permitan neste momento que se deixe atrás aos máis desfavorecidos. A sociedade lalinense está amosando madurez cumprindo cos protocolos establecidos polas autoridades, de xeito exemplar, como non podía ser de outro xeito.

As persoas e as sociedades mídense por como resolven cando atopan un obstáculo, e niso os lalinenses temos un ADN que fai ter claro que desta imos saír fortes e máis xuntos.

*Coordinador municipal de Compromiso por Lalín

Compartir el artículo

stats