Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

TRIBUNA LIBRE

João Manuel Ribeiro

Naceu e medrou ligado á terra, en Oliveira de Azeméis, na casa do seu avó, un agricultor que deixou unha fonda pegada na súa vida. O avó, "um homem muito sabio" foi o que o configurou existencialmente. A persoa que lle encheu a cabeza de historias, imaxinación e de fantasías. "Ao fim e ao cabo, no principio de min -o que sou, o que tenho, o que sonho e escrevo- está o meu avô, rei de coisa pouca."

De pereiriño gustaba de ir ás mazás á finca dunha veciña. Tiña dous enredos, un cabalo de pao no que viaxaba moito e facía moitas falcatruadas e unha bóla de trapos. Tamén "gostava muito de descobrir ninhos, mexer na terra, ver o meu avô fazer un enxerto, fazer bonecas de trigo..." Se fose un paxaro sería un "gavião", un gato que quere voar.

Di sempre que vive apaixoado polas palabras. "Gosto de brincar com as palavras, de as olhar, de as namorar, de perder/ganhar tempo com elas. Gosto do silêncio que há em muitas, quase todas, as palabras."

O profesor Xesús Alonso Montero subliñaría, sen dúbida, que o João é un letraferit. Acostuma tamén a dicir que "posso falar muito bem inglês, mas vou pensar sempre em português, porque foi a língua com a qual nasci e cresci." Recoñece que sería moi difícil vivir sen palabras, xa que sen palabras non seriamos as persoas que somos.

Hai catro cousiñas que gusta de facer, aínda que non sabe exactamente se é traballo ou lecer; a saber: ler, escribir, estudar e (facer) nada. "Esta última é das coisas mais deliciosas de se fazer". Tamén gusta de escoitar música, camiñar, viaxar, andar en bicicleta e "de um bom petisco".

A súa escrita é sempre poesía, aínda cando escribe en prosa. Ao cabo, a poética de João Manuel Ribeiro -ao dicir do crítico literario Armando Requeixo- "é magmática e reflexiva, transcendente e iluminadora, entrañada e radical, un río de voces que nos arrastra ata o océano da Eternidade".

*Mestre e escritor

Compartir el artículo

stats