Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Abran paso!

No Parlamento Mínimo do Hórreo pode cociñarse, despois das eleccións, unha alternancia. O PP tería que retirarse para lle deixar sitio a unha coalición na cal os analistas colocan o PSOE. Teremos, pois, ocasión de comprobar se Caballero e o seus eleitos están na liña Olof Palme, Allende ou Negrín, ou na de Mário Soares e Felipe González. Se están coa CIA ou co Oskar Lafontaine cuxa sombra acaba de vencer en Turinxia. Tamén comprobaremos se o BNG troca o seu purismo sectario polo sentido histórico frontepopulista que lle fornece Castelao desde a súa vida e a súa obra ou non. En canto a Podemos e EU non semella que lle vaian torcer o bico á conxunción. Anova, Compostela Aberta, Maré Atlántica, intensificarán o azul da franxa da bandeira e o vermello da estrela de cinco puntas que tamén Castelao incorporara aos símbolos da Patria. Imos ver se esta (verdadeiramente Grande) Coalición vai ser capaz de executar reformas que necesitan Galicia e o mundo. Falo de promover un cooperativismo avanzado, asembleario e sistemático; dunha sucesión heteroxénea de medidas laicistas, feministas, socialistas, interrelacionadas. Apenas se trataría de expropiar as autopistas; de secularizar o ensino e os cemiterios; de nos facernos cárrego do litoral e dos beneficios da Zona Franca; de vitalizar a Euro-rexión Gallaecia, de converter o salario mínimo nun salario digno; de sanear a sanidade; de erguer unha banca nacional galega, se tal sobre a base da Caixa Rural. De nos apropiar incautando os bens franquistas, de Meirás, dos santos de pedra e da casa iluminada de Joseph Cornide. De alonxar a miseria. De pór a andar, depois de ler de verdade Sempre en Galiza, as freguesías rurais e urbanas de Galicia homologándonos á lexislación portuguesa de autarquías. Non constitúen actos de goberno que ameacen nin o modo de produción capitalista nin a intanxíbel unidade de España nin o principio monárquico de Dereito Divino: estes. Non se trata, non, de tomar o Ceo por asalto nin de incendiar a Casa do Señor, coma senllos poemas de Farruco Sesto e Ramón Cabanillas manifestan con elocuencia. Esperamos, simplemente, que se poña en práctica un programa elemental que non resulte incompatíbel co tempo no que o Sinn Féin gaña as eleccións en Irlanda e o Die Linke, fundado, entre outros, por Oskar Lafontaine fai o propio no land alemán de Turinxia. O cal non significa que nos conformemos con conseguir o antes relatado. "Os que nos tein/só teñen os nosos nomes no censo", por Uxío Novoneyra. Xa miraremos a ver.

Compartir el artículo

stats