Outro negocio que pecha. Pechan e abren negocios tódolos días, dirá algún con razón, pero o que este mes de abril baixará a persiana para sempre leva trinta e un anos aberto. Trinta e un anos! Logo se di. Máis de media vida vendendo música, cando as cousas ían ben, cando foron algo peor, e incluso cando chegou a desfeita que case extermina un negocio que apenas se mantén. Por que aguantou Carlos tantos anos a pé de mostrador? Sinxelamente porque ama a música, porque conseguiu facer dela un xeito de vida sen necesidade de tocar un instrumento, coa indispensable boa cabeza para os números e a paixón por unha mercancía que era moito máis ca iso.

Unha cidade é algo máis que rúas, edificios e monumentos. Hai presenzas que son tan parte delas como os seus lugares máis recoñecibles. Cando se vai algunha desas persoas que coñecemos de toda a vida sen necesidade ter cruzado unha palabra con eles, a cidade perde algo de seu. Tamén cando desaparece un deses negocios de sempre, cada vez menos nestes tempos de rúas comerciais intercambiables entre case calquera cidade do mundo. Cada un terá os seus fantasmas favoritos. Un dos meus vai ser Peggy Records. Unha tenda de discos como deus manda sempre foi algo máis que un lugar onde mercar discos, e en Peggy non só comprei discos (raro escribir en pasado), tamén aprendín (e discutín) de música e da vida, fixen amizades que aínda duran e pedín favores que foron atendidos.

Porén, non nos poñamos tristes de máis. Nestes trinta e un anos, Carlos gañouse a pulso o dereito a poder marcharse sen que o boten, escollendo o momento no que arriar as velas. Celebremos con el este peche. Non é unha derrota anunciada. O triunfo foron os trinta e un anos de vida. Que soe London Calling no tocadiscos e brindemos por eles.

*Músico, crítico musical e escritor.