Desconfiamos de Bernie Sanders, pois xa fomos decepcionados por J.F.K e engañados polo uniforme de camuflaxe que gastaba Obama cando Pete Seeger lle cantou a este na toma de posesión. O único presidente norteamericano de orixe irlandesa e o único de raza preta enganaron o mundo progresista e non lles tremeu o pulso violento na hora das nefastas decisións.

Pode ser Sanders o primeiro presidente socialista dos EE UU e converterse, unha vez deglutido polo sistema, en inimigo número un da seguridade social e en continuador da política externa interventora en Latinoamérica e no mundo que vén sendo regra norteamericana desde 1898, e antes. Podo imaxinar Sanders na Casa Branca. Algo me di, que aínda así, o simpático e ousado senador que se declara socialista nunca asinará convenios sólidos de paz e coexistencia con Rusia e China nin lle concedería a independencia a aquel Puerto Rico que o exército norteamericano lle roubou a España nin lle abrirá os brazos a Cuba, Venezuela ou Nicaragua.

En todo caso, daría un "doblón" (palabra de Cervantes) por poder recoñecer un día que eu estaba equivocado. Pero, queira ou non a miña desconfianza, Sanders vai dun caucus a outro configurando sobre a cachola unha ideal coroa de Loureiro. "Dio-lo guíe con ben" -como dicía aquela amada voz poética.

Ao tempo en que Sanders progresa en terra ancha e allea, en Irlanda gaña as elección o Sinn Féin, partido este que traballou cos comunistas da illa de San Patricio para mandar á guerra de España o Batallón Connolly dentro das Brigadas Internacionais. En rigor, daquela, e máis despois, eran comunistas e independentistas os que integraban o Sinn Féin.

Hoxe, moitos quilómetros ao Leste encontrámonos co Land histórico de Turinxia que foi DDR e hoxe é República Federal de Alemaña. Alí, con grande escándalo mediático, é Bodo Ramelow, do partido Die Linke ("A esquerda"), o que superou en votos a socialistas domesticados, democristiáns, liberais, e esa Alianza por Alemaña que é o Demo que lle mete medo ao Demo. Xa iremos mirando o que sobrevive destas contradicións que evidencian o esgotamento do sistema que domina.

E que o arco-da-vella de tres luces (Libertade, Igualdade, Fraternidade) una Vermont con Turinxia e consiga que resalte a cor verde da nación celta que cruzou o mar desde Brigantia. A Vella Toupa, aquí e acolá, fura a superficie do solo co seu feble e rosado fuciño, para coller ar. E a Terra non deixa de xirar sobre o seu eixo, tan imaxinario coma matemático.