Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Santiago Lago Peñas.

Galicia 2040

A estratexia e a planificación son fundamentais. Falemos de persoas, empresas, universidades, cidades ou países. O que non cavila no longo prazo está condenado a trabucarse nas decisións do día a día. Porque se pensamos onde queremos estar en vinte anos, veremos con claridade que cousas debemos facer hoxe e as hai que evitar. Pouca xente non concorda co anterior. Porén, o cortoplacismo e as urxencias rematan levando o mellor de nós.

Con toda a modestia, máis tamén sen aforrar en ambición, o Foro Económico de Galicia ten aberta unha nova liña de traballo baixo o nome de "Galicia 2040" Dirixidos polos profesores Xosé Carlos Arias, María Cadaval e Domingo Docampo e co soporte de José Francisco Armesto, a semana que vén comezamos o traballo. O primeiro dos eixos a discutir na xornada do 6 de marzo é o demográfico. Coas proxeccións demográficas dispoñibles na man toca reflexionar como será a Galicia de 2040, como podemos alterar esas proxeccións para evitar os seus efectos máis negativos, e que debemos facer (e non facer) hoxe anticipando a distribución poboacional dos galegos en vinte anos. Dúas décadas semellan moito, pero a meirande parte das infraestruturas de transportes, educativas ou sanitarias teñen unha vida útil que a duplican ou mesmo a triplican. Por iso non debemos facelas pensando só na Galicia de hoxe.

De certo, en todo o Mundo estanse a facer exploracións semellantes. Gobernos, empresas e institucións tentan debullar o noso futuro. E, sen dúbida, os seus materiais e as súas conclusións son útiles para nós. Pero hai que preocuparse polas nosas especificidades; adaptar esas diagnoses á nosa realidade. E iso somos nós mesmos os que mellor o podemos facer.

*Director do Foro Económico de Galicia

Compartir el artículo

stats