Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Nós sós, 44 de Parnell Square

Hai unha sala do Museo Nacional de Dublín na que se exhiben os regalos de Estado que recibiu o presidente De Valera e que, á súa morte, pasaron ao pleno dominio da República. Nas vitrinas vese a copia en ouro macizo dun torques celta procedente de Cabana, Bergantiños e executada primorosamente pola xoiaría Malde en Galicia. É un presente que Franco lle ofreceu a De Valera a raíz dunha visita oficial deste ao suxeito que máis dano lle fixo a Galicia e aos pobos de España.

Eamon de Valera agradeceu o torques de ouro en canto presidente de Irlanda e deixoullo aos museus nacionais da súa patria para eles xulgaren do seu destino. Naquela viaxe ao Eire, visitei, con Moncha, a sede do Sinn Féin. Eran os días nos que se conmemoraban os vinte anos da derradeira ocupación militar do Ulster. O exército británico metía moito en 1988 e recordo que asasinara un meniño de apelido Duffy. Estivemos, pois, na sede do Sinn Féin, no 44 do Parnell Square de Dublín, se non lembro mal o número. Atendeunos Lucillita, encargada de relacións estranxeiras, e nas paredes da sede do Sinn Féin había retratados de Fidel Castro pero non do do Papa de Roma.

A sede estaba nun piso avellentado e compartido cun fotógrafo de casamentos. Ou sexa, que a miña muller e máis eu sentímonos moito na casa. Por aqueles días estivo en Dublín Gerry Adams e fíxolle un discurso memorábel a masas chegadas de toda a illa. Dixo: "Aos que piden a disolución do IRA eu pregúntolles por que non se disolve primeiro o Exército Británico que está ocupando a nosa Patria".

Daquela veume á memoria o número da revista Nós no cal se contaba a morte de Terence MacSwiney, alcalde de Cork, que estivo en folga de fame para esixir a independencia de Irlanda. Hoxe todos os pacifistas ben pensantes do mundo se recordan a Gandhi pero todos esquenceron, obedientes ao Imperio o alcalde de Cork e otros practicantes revolucionarios da táctica da folga de fame a morte. Por aquel tempo, 1987-1988, só había ou houberon unha Berdardette Devlin ou un Gerry Adams elixidos no Parlamento de Westminster.

O Sinn Féin tamén non tiña lugar no parlamento da República que eles sos conseguiran crear. O Católico amigo de Franco, Eamon de Valera, ocupáralles, coma o cuco que era, o sitio. Hoxe escribo feliz porque o Sinn Féin, liderado por Mary Lou MacDonald, foi o partido máis votado nas derradeiras eleccións irlandesas. Por iso, non se me vai da cabeza o humilde flat do 44 de Parnell Square que o Sinn Féin franqueou para nós en Dublín.

Compartir el artículo

stats