No ano 1919 fundábase a sociedade agraria "Aires da Miña Terra" ao término da feira mensual de Vilanova dos Infantes. A Garda Civil desfixo a asemblea e prendeu algúns dos organizadores. No acto, don Basilio Álvarez, abade de Beiro e dirixente agrarista, fixera un discurso arrebatante en Castelán, como soía. Citou o crego agrario Irlanda e os seus revolucionarios. Don Basilio escribira o prólogo a No Desterro de Cabanillas, na Habana.
Ramón Cabanillas, anteriormente á constitución das Irmandades da Fala, militara no agrarismo, e sempre propuña, en versos incendiados, a revolución irlandesa coma un modelo que os galegos debían ter moi presente. En especial os labregos maltratados pola supervivencia feudal do foro. O caso é que tamén Alfredo Brañas, que era independentista cando escribía en verso galego, desexaría que o noso pobo actuase "coma en Irlanda, coma en Irlanda". Na noite do mito e da memoria dos irlandeses están os Gaels, a torre de Brigantia que aínda resiste na Coruña e o pai Breogán. Teño visto en moitos puntos de Irlanda certo cartel. Este era político e viña do departamento de propaganda do Sinn Féin.
Tratábase dun mapa de Europa Occidental no que estaban pintados de verde intenso as nación celtas: Cornoalla, Escocia, Man, Irlanda, Gales, Bretaña e Galicia. Todas, agás Irlanda, nacións sen estado propio. Os irlandeses patriotas e republicanos teñen a Galicia no máis recuado e fabuloso da súa imaxinación política. Na escola pública da Illa fálaselle aos menos do Leabhar Gabhála. Nel está Brigantia, ou sexa a Coruña, de onde partiu a derradeira e definitiva invasión de Irlanda.
Derradeira invasión (digo) aceptada polos irlandeses e que contribuíu a definir a súa etnoxénese. A verdadeira invasión derradeira, a dos ingleses, foi combatida durante centos de anos. Hoxe, os ingleses, expulsados de Irlanda, só teñen en por eles uns condados unionistas no Norte. E agora cobra importancia histórica a vitoria electoral do Sinn Féin nas últimas elección celebradas na República dos Soños que tamén se chama Eire.