Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

No pasamento de George Steiner

"Ando en conversación con los difuntos" -explicou Quevedo nun verso famoso. Si: os vellos falamos seguido con mortos e estes van engrosando o círculo que nos arrodea. E conversamos cada vez menos con xente viva.

George Steiner fíxonos unha serie de favores. Debemos hoxe dar a esquecemento a inxuria que un día proferiu contra a literatura galega, que el descoñecía. Lembremos que Steiner obrigou a boa parte da sociedade universitaria a unha cura de modestia. Contan de Steiner que un día, anoxado de tanta estilística, tanto estructuralismo e tanto inmanentismo como alambicada e pedantizaba a crítica literaria académica, decidiu voltar en parte á Ética e en parte a Sainte-Beuve.

Como el era moi francés, quixo facer crítica literaria para un círculo de cultura humanista ampla e non especializada nin filolóxica. E tamén crítica impresionista gobernada polo gusto persoal e por unha nova valoración (esta moi británica) da "elocuencia". Revalorizou a conferencia como xénero preferencial do profesor que gosta de chegar a amplos frentes culturais xeneralistas. Avisoulle aos escritores do perigo de usaren fragmentos estelares do pasado literario. O mellor crítico, que é o calado e anónimo lector, podía comparar en mente a vulgaridade do tono do discurso básico coa luz cegadora que emite a cita do autor inmortal.

A Steiner lle agradezo a fineza de ter obrigado a miña xeración marxista a voltar á palabra que os clásicos vermellos usaron: Tendenzliteratur. Literatura "tendenciosa", como dicía claramente o meu pai. O que foi mudado universalmente polo sartreano engagé/-ée (comprometido/a). Unido á revitalización do concepto, Steiner defendeu que o comunismo, con Lenin e Stalin, nunca pode ser considerado un totalitarismo, co cal el se puxo de fociño de xabarín contra unha corrente dominante.

Steiner, fundamentalmente liberal e ético, igual que fora Isaiah Berlin, négase a identificar o comunismo co fascismo. Entre outras cousas o Steiner liberal coñecía o mal de moi perto. A condición semántica do liberalismo é mutante e pode chegar a se converter no comodín-pallaso da baralla.

Compartir el artículo

stats