Deixou escrito o poeta: "A Europa jaz, posta nos cotovelos:/De Oriente a Ocidente jaz, fitando,/ E toldam-lhe românticos cabelos/Olhos gregos, lembrando." Pois moi ben: poñámonos gregos, daquela. Velaí o relato da caixa de Pandora: isto é, o senlleiro recipiente -unha tinalla ovalada, un "pithos", máis en concreto- que a criatura axeitada por Hefesto, deus do lume e da forxa, foi recibir como agasallo de vodas. En fin, coido que ben coñecen Vdes. o conto: os deuses dotaran a Pandora dunha gran curiosidade. Xa que logo, e malia que fose advertida de non abrir o cofre baixo ningún concepto, a nosa protagonista resultou absolutamente incapaz de obedecer semellante mandato. E deveu así que, ao destapar a vasilla, xurdiron -espallándose por todas as partes de contado- os moi variados males que desde entón aqueixan o noso mundo mortal. Traducido agora ao caso que nos ocupa: que extraña indagación se lle foi pousar a David Cameron entre cella e cella para ser quen de argallar o que argallou? É que acaso o ex primeiro ministro británico descoñecía por completo a mitoloxía clásica? E se non polos greco-latinos, é que tampouco tiña noticia das condicións climáticas do seu país? Porque coñecido é que os bordes de converxencia entre o aire cálido tropical e aqueloutro polar pasan sobre o Reino Unido e que, de tal xeito, as grandes variacións de temperatura que se producen crean decote inestabilidade, e de aí o tempo moi impredicible que se conforma: nun mesmo día, os ingleses, galeses? poden experimentar de vez as catro estacións.

"Vén ser a nosa ignorancia a causa desa impresión de unidade que consideramos: unidade en nós mesmos e unidade aínda naquilo que nos rodea", proclamou, da súa parte, o príncipe Siddaharta Gautama, dirixíndose aos sabios brahamans hindús en Benarés. Certamente, este cronista non ten constancia respecto das crenzas/descrenzas do, xa mentado, Mr. Cameron ou aínda dos seus sucesores, Dna. Theresa May e o Sr. Boris Johnson. Así e todo, tal semella, non obstante, que todos eles, cal se militasen en efecto nas hostes do Buda, desacreditasen por completo na existencia desa sorte de invisible homúnculo (chámase "psyche", "umbra", "alma"?) que, segundo os filósofos gregos e romanos -e aínda os doutores da fe cristiá, desde logo- habita nos nosos corpos e, por extensión, no conxunto social ao cal vimos pertencer. Xa que logo, e volvendo outra vez á temática que nos ocupa, as formas e mais as cores, ao pasaren diante de nós, despertan os sentidos, os cales nos incitan ao contacto. Porén, para alén do desexo de posesión, que determina o afecto, nada é verdade. Entón, a Unión Europea, configurada pola vontade do afecto, foi nacer para enfermar, envellentar e, por fin, dar na morte. E por máis que algúns prestidixitadores teimen en facela renacer, xa nada dela devirá o mesmo. Punto e final.

O Nirvana; isto é, a extinción, a fin da propia personalidade: eis o sentido derradeiro, o obxectivo final e pacífico perseguido, seica, polo Brexit. Adeus para sempre ao desexos, aos odios e ás desconfianzas! Bye, bye Europa! Arrivederci! Au revoir! Auf wiedersehen! Antío!

"Se é budismo non é inglés e se é inglés non é budismo!", retrucan da súa parte os eurófilos e eurófilas das dúas beiras do Canal. "Ademais -engaden aínda- é que ninguén se decata de que ese mesmo Nirvana vai ser o lugar, xustamente, onde vaia dar a propia Inglaterra?

Desde logo, non vai ser en ningún caso o autor destas liñas semanais quen se vaia aplicar, aquí e agora, a repasar, analizar, debullar? os argumentos e contrargumentos dos partidarios e detractores do Brexit. Así e todo si que tal parece que, aberta a cántara da primeira muller grega e/ou disparados na carreira por atinxir os coñecementos da Sautrantika e/ou os aqueloutros que deparan o Dalai-Lama e adxuntos, eis que, quen máis quen menos, tutti quanti parecen inclinados a romper con calquera sorte de nós e ataduras. Así, e sen ir máis lonxe, no propio Reino Unido acontece que un moi nutrido conxunto de escoceses teiman en escoller a ruptura coa unidade británica para logo pretenderen retornar, paradoxo do paradoxo, a esoutra europea. Algo así a como se un certo día os alaveses ou os "tabarnianos", cidadáns dunha Euskal Herria e/ou Cataluña soberanas, optasen de súpeto por racharen con tales novas estruturas independentes e reencarnárense de volta en flamantes españolitos e españolitas. En fin, instalados no colmo das contradicións, as Súas (aínda) Altezas Reais Harry e Meghan de Sussex veñen de anunciar tamén, e urbi et orbi, o seu moi particular brexit the brexit. Con todo, dadas as voltas e reviravoltas das leis e tradicións duns territorios empeñados en conducir arreo polo lado trabucado, cabe pensarmos aínda se semellante decisión impide ou non que poidan conservar -ou recuperar- o tratamento principesco nesa Escocia guay que anda liderar con soltura -e mesmo con "salero", se tal é aplicable nas Highlands Lowlands e arquipiélagos adxacentes- Dna. Nicola Sturgeon. En todo caso, tempo ao tempo. Pandora, a súa caixa senlleira, continúan de marcha polas Illas.