DTO ANUAL 27,99€/año

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Galicia ante o pacto verde europeo

O pasado 15 de xaneiro, unha ampla maioría do Parlamento Europeo aprobaba o Pacto Verde Europeo. Os principais grupos da Eurocámara aliñábanse para referendar o que pretende ser a estratexia de maior alcance da UE neste comezo do século XXI, vinculada ao compromiso de acadar a neutralidade climática en 2050. Hai poucos días, o Goberno de España declaraba a emerxencia climática e a Transición Ecolóxica xa ten rango de Vicepresidencia.

O Pacto Verde pretende un cambio de paradigma no noso modelo de crecemento. En liñas xerais, poderíase resumir en que para acadar os compromisos climáticos e de sustentabilidade a UE porá ao mesmo nivel o piar ambiental que o social e o económico. O pacto traerá desafíos e oportunidades a toda a cidadanía da UE. Para Galicia, os desafíos non difiren moito do resto de rexións europeas, pero temos as nosas particularidades que debemos ir introducindo na axenda política antes de deixarnos vencer polos acontecementos.

A neutralidade climática esixe reducir emisións de CO2. Xa o estamos facendo, e nalgúns casos o dano aparellado é intenso na nosa comunidade. Hai tempo que vimos defendendo que esta transición ecolóxica ten que ser xusta para os cidadáns. Falar de rebaixa drástica de emisións é falar de enerxía. Son dúas caras da mesma moeda. O carbón vai perdendo peso e as renovables marcarán o futuro do noso mix enerxético, no que a electricidade terá cada vez máis importancia. Galicia necesita que a UE apoie o avance na descarbonización, pois o noso potencial renovable é clave para liderar unha produción enerxética limpa e fortalecer a nosa industria. Tamén o transporte vai sufrir unha gran transformación: no terrestre, o sector automobilístico terá que adaptarse aos tempos da electrificación; no mariño, o naval ten unha oportunidade para innovar en novos sistemas de propulsión menos contaminantes. E por suposto no sector primario, onde a chamada "Estratexia da granxa ao garfo" premiará a sustentabilidade.

Nesta transición xusta terán importancia os fondos que se mobilicen, non só por parte da UE senón tamén do Estado e da Xunta. De entrada, a Comisión Europea vén de presentar a súa proposta para o Mecanismo de Transición Xusta: un mecanismo que busca impulsar os necesarios investimentos para facer fronte á descarbonización do modelo produtivo nas zonas máis vinculadas ás actividades mineiras e intensivas en carbono e enerxía. Dentro del sitúase o Fondo de Transición Xusta, con 7.500 millóns de euros. Este Fondo propón adicar xa 300 millóns a España, de entrada insuficientes, e mobilizar 4.500 co apoio doutros fondos e do BEI. Despois dun intenso traballo, Galicia vai estar no fondo logo dun esforzo coral no que o papel xogado no Parlamento está sendo fundamental. Como o está a ser para demandar que non se recorten os fondos adicados á política rexional, pois cómpre lembrar que a Comisión propuxo un recorte de case 50.000 millóns, unha cifra moi superior á que agora se propón para o novo Fondo de Transición Xusta. Ben certo é que outros países como Polonia se verán moito máis beneficiados, pois superan con moito os cen mil traballadores e traballadoras no sector do carbón e verán desaparecer os seus empregos en poucos anos.

Podemos afrontar o Pacto Verde Europeo de dúas formas. Con proactividade e sendo conscientes das oportunidades que temos, ou con pasividade esperando simplemente accións paliativas a través de axudas. Galicia vai dispor das mesmas, pero de nós depende poñernos á cabeza deste gran cambio ou poñer resistencias que nos levarían á cola do progreso. Sen dúbida, para estar á altura requírense outras actitudes no país e máis achegamento ao núcleo de decisións, en Bruxelas e en Madrid. E desde logo é inexcusable que a Xunta, polas súas competencias industriais, lidere a elaboración dun Plan de Transición Xusta para os sectores e zonas afectadas coordinado con todas as administracións e axentes sociais. Non o está facendo e o tempo corre. Porque na loita contra o cambio climático, xogámonos a habitabilidade do noso planeta, pero tamén o futuro de Galicia.

*Eurodiputado polo S&D

Compartir el artículo

stats