Sen dúbida que cando estas liñas semanais vexan a luz pública todos os membros do equipo MoncloaStar -director xeral, director deportivo, adestradores, médicos, masaxistas, terapeutas, mecánicos?. mesmo os encargados do avituallamento e de aportar os bidóns de auga- andarán talmente a fume de carozo para poñeren a punto os últimos elementos e detalles, as grandes disposicións pero tamén as máis cativas miudezas que poden determinar, chegada a hora da verdade, o éxito ou o fracaso da senlleira empresa. E é que aí é nada: 3.255 kilómetros -ou mesmo máis!- repartidos en vinte e unha etapas -das cales oito delas resultan chás, seis de media montaña, cinco de montaña, unha contrarreloxo individual e unha contrarreloxo por equipos. Con saída en Barcelona e chegada en Madrid, o percorrido inclúe dificultades tales como a cronoescalada da primeira xornada -a celebrar entre a praza de Sant Jaume e mais a montaña de Montserrat, ou viceversa, segundo como se acabe configurando o "procés"- os duros ascensos aos altos de San Telmo (Sevilla), Peña Herbosa/Alto de Revilla (Santander), Vox de San Esteban (Murcia) ou, categoría especial, o porto de Santa Mónica, 2, en definitivamente Teruel Existe.

Federico Martín Bahamontes -"El Águila de Toledo"- José Manuel Fuente -"El Tarangu"- Perico Delgado, Luis Ocaña -"el español de Mont-de-Marsan"- Alberto Contador, Óscar Pereiro, Roberto Heras? Velaí, e só por citar algúns compatriotas, "os forzados da ruta", os ases da biclicleta que perviven na nosa memoria? Nin que dicir ten -e como, de certo, xa terán percibido todos Vdes., sempre moi amables lectores destas crónicas-, con todo o anterior estoume a referir, desde logo, á xa próxima, anhelada e moi emocionante volta (presidencial) a España que, nas datas vindeiras, vai levar a cabo esoutro campión de campións,verdadeiro líder da "serpiente multicolor" e que atende por Pedro Sánchez.

"Pero cómo? Unha volta presidencial a España? en bicicleta?", preguntarán/obxectarán, acaso abraiados, algún e mais algunhas. A ver, meus e miñas: segundo puideron coñecer de fontes moi fidedignas os espelidos axentes ao servizo deste venerable rotativo, velaí que, se ben que nunha primeira instancia, varios dos seus propios e propias chegaron a considerar que D. Pedro fose realizar semellante propósito e roteiro comodamente sentado no asento do seu Falcon 900 megaguay -as lentes de sol postas arreo, para iso se trata dun auténtico ye-ye, tal e como rezaba a célebre canción d´Os Resentidos, de día e mais de noite-, eis que, de acordo cos consellos/prédicas/ditames de Greta Thunberg, a decisión fose ao cabo estoutra de utilizar un vehículo de transporte de propulsión exclusivamente humana. Ou sexa, que a dar-lle aos pedais e a suar e gañar saúde! "Si, si -volverán coa trécola os impíos e descreídos-, e o das Baleares? iso que? E ás Canarias? A ver: en que clase de bicicleta vai chegar a Santa Cruz de Tenerife e/ou a Las Palmas?" Toda vez que se foi desatar -como asemade coñecen ben Vdes.- a cousa esa, o affaire do helicóptero visto/non visto, velaí que outra volta as nosas esculcas secretas levaron a termo con discreción e esmero o seu labor profesional. Pois,daquela, meus e miñas: se algunhas das etapas do percorrido se chegasen a desenvolver, finalmente, en terras mallorquinas e/ou nesoutras das Illas Afortunadas, será a forza única das velas movidas polo vento mareiro -a bordo dun moderno catamarán ad hoc- a que transporte deica aló ao Sr. Sánchez, quen aproveitará a travesía, xa que logo, para lucir corpo e, ao tempo, tinxirse de bronce cos soles e mais as brisas de Levante e Poente. En fin, pura e dura ecoloxía!

Así as cousas, os dirixentes da leal -é un dicir, claro- oposición andan nestes días realmente desnortados. Que faceren, entón, diante de semellante desafío? Descartando, polo momento, actuar polas bravas e poñerse, sen máis, a "chupar roda" de Vox -os cales parecen optar, si ou tamén, por encheren de pedras, cravos e paus as estradas por onde vaia transcorrer a carreira-, D. Pablo Casado foi procurar de inmediato, entre os seus múltiples e variados títulos, algún documento que fornecese cumprida acreditación de que o -aínda- dirixente do Partido Popular participou, senón no Tour e/ou no Giro, na Milán-San Remo, na Frecha Valona ou na París-Roubaix. Xa que logo, e na evidencia da falta dun máster tal, cada vez son máis aqueles e aquelas que se acordan desoutros, pasados, tempos felices. Precisan os populares, pois, dun "sprinter"? Dun rodador? Mellor, se cadra, dun clasicómano afouto? Ou aínda talvez fose mellor un valeroso escalador, aspirante sempre a coroarse "rei da montaña"? Jacques Anquetil, Bernard Hinault, Eddy Merckx, Miguel Induráin? Certamente, todos eles deveñen grandes exemplos. Porén, se do que estamos a falar é de bicicletas, a cuestión non ofrece dúbidas: sprinter, rodador, escalador? o líder definitivo tiña/ten, que saudade!, nome e apelidos: Mariano Rajoy Brey.