Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Leopoldo Nóvoa e a súa querenza por Raxó

O artista solicitou ao Concello de Poio en 1975 permiso para unha escola taller na localidad, que lle foi denegado

O Museo de Pontevedra conmemorou o pasado 17 de decembro o nacemento de Leopoldo Nóvoa García. Co gallo desta efeméride presentouse no Sexto Edificio do Museo o documental 'Nóvoa 1919-2019', dirixido por Xurxo Lobato e con guión de Rosario Sarmiento.

O audiovisual presentado recolle os testemuños e as opinións de amigos, críticos da arte, coleccionistas e galeristas que, dun xeito ou doutro, tiveron relación co artista ou coa súa obra.

Logo da proxección estableceuse unha quenda de preguntas entre algúns dos protagonistas do documental e o público que quixo participar. As intervencións iniciais viraron ao redor da obra de Nóvoa, exaltando a súa inmensa creatividade, a súa cosmovisión do mundo e o seu compromiso social.

Na nosa intervención fixemos alusión a un artigo de prensa publicado no Faro de Vigo o día 3 de marzo de 2012 que levaba por título O día que Poio perdeu o obradoiro dun grande artista. Nesta crónica demos a coñecer o propósito que tivo Leopoldo Nóvoa en 1975 de establecerse en Raxó, e así mesmo, a resposta negativa a súa demanda, ditada en 1976 polos responsables políticos do Concello de Poio.

Inquirimos ao arquitecto e amigo de Leopoldo Nóvoa, Celestino García Brañas se nalgunha ocasión lle escoitou a Leopoldo citar esta xestión, e se a resposta fose afirmativa, que pegada deixou na obra do artista Nóvoa.

Celestino García afirmou que Nóvoa nunca lle falou da tal tramitación, e ademais non lle parecía crible, fundamentándose en que cando iniciou o proxecto en 1983 para instalarse na Armenteira, Leopoldo Nóvoa nin tan sequera tiña adquiridos os terreos, e amais diso, que carecía de liquidez económica para enfrontarse a tal intención.

Nun dos apartados da solicitude citada, Nóvoa manifesta: "Que desea construir un estudio- escuela y vivienda en este Ayuntamiento por estar vinculado por lazos afectivos a Rajó, donde pasó su niñez y donde siempre estuvo afincada su familia".

Acompañando ao texto da solicitude datado en "Rajó, 5 de agosto de 1975", Leopoldo Nóvoa presenta un bosquexo no cal podemos constatar como este sinxelo apuntamento contén as liñas polas que nese intre pasa a creatividade de Nóvoa. O Camiño Real está trazado con espontaneidade e coa liña propia do "mecate", non amosa o remate e permítelle "modelar o espazo". Acaroado a este trazo debuxa unha franxa vertical que contén unha masa conformada por estríxiles colocados de forma concéntrica, producindo a sensación de espazo ilimitado. O eco deste bosquexo resoa no lenzo 'Simetría a triángulo erizado', (1976), onde a superficie, de paleta monocroma, está dividida por unha franxa central con triángulo.

"O que un home cre lembrar da súa infancia non é indiferente. En xeral, baixo eses vestixios agáchanse testemuñas inapreciables relacionados coas liñas máis importantes do seu desenvolvemento psíquico". Sigmund Freud.

En diversas ocasións Leopoldo Nóvoa ten manifestado que a súa patria, en sentido rilkeano, era Raxó, onde pasara boa parte da súa infancia e adolescencia. Así ten declarado a Ciro Sánchez: "Son los momentos que he pasado en el mar, en Galicia. Navegaba mucho".

Na praia de Sinás estaba fondeado o balandro 'Katia', no que facía as travesías Nóvoa. Esta embarcación era propiedade da "sociedade" formada por Luis Poza, Benigno Rey, ámbolos dous fusilados o 12 de novembro do 36, e Clemente Echevarría, separado do servizo de profesor de Ximnasia da Escola Elemental de Traballo de Pontevedra.

Nunha entrevista feita na Armenteira en 2002 por Luisa Blanco e Luis Rodríguez Ennes, Nóvoa sinala: "Pasaba longas tempadas en Raxó nunha finca de miña tía Teresa Nóvoa (engadimos nós: tamén nas casas dos curmáns Marina e Pancho). De Raxó gardo os recordos máis inesquecibles da miña nenez: a vida cos mariñeiros (?) Traballaba con rillotes da aldea a tirar da rede; os mariñeiros deixábannos a faixa para tirar e logo pagábannos con peixes que nós lle cambiabamos por mazás á xente que viña do interior, de aquí, de Armenteira".

As regateiras eran as embaixadoras da praia de Raxó. Cun imposible equilibrio, ían estas mulleres portando enriba das súas cabezas a cesta cos peixes do día, e volvían logo de trocalos polos froitos da terra; a cesta ía pousada nun mulido feito de trapos. Estas mulleres pintounas Nóvoa nunha das obras que presentou na súa 2ª exposición en Bos Aires, e que el chamou 'Peixeiras' (1954, óleo/lenzo).

Nóvoa familiarizouse na praia de Raxó cos materiais que despois foron aparecendo nas súas obras, os "mecates", "piolíns" ou "filásticas" (termo mariñeiro que usaba o noso pai, que pasou media vida enriba das ondas do mar). Os aparellos eran de algodón e había que encascalos para tinguilos e conservalos mellor. Os cabos, no tempo da infancia e adolescencia de Nóvoa, eran de "esparto" ,máis tarde de cáñamo. Así, deste material eran tamén o chicote do cinto polo que el tiraba das betas das artes e, así mesmo, os estrobos para armar os remos.

Leopoldo Nóvoa tamén observou como os mariñeiros calafates inserían nas fendas das táboas das embarcacións unha mestura de "estopa" e brea, coa intención de evitar as vías de auga.

O "pitambón", que servía para balar as augas e asustar o peixe para que fose cara ao aparello, estaba feito cunha bóla de granito, á que se lle trincaba un cabo de esparto. Entendemos que este trebello, con forma de ril, garda unha intrínseca relación coa escultura que fixo cun bolo granítico da Lanzada, denominada 'Leda y el cisne' (1973).

"A Bouza era unha propiedade da familia da miña nai, aínda que eu no tiña participación nela. Esta rama familiar -os Echevarría Nóvoa- foi moi perseguida durante a Guerra Civil e foi cos que convivín en Raxó durante os veráns da miña nenez. (?) Susana e máis eu, que entón eramos moi pobres, habitámola sumariamente para poder vivir nela; durmiamos nun colchón ao lado da lareira e así transcorreron os veráns desde 1971 ata 1981".

Esta casa familiar, poucos anos antes de instalarse nela Leopoldo e Susana, era utilizada de xeito pasaxeiro por Clemente Echevarría como "pavillón de caza", de aí a precariedade das instalacións.

Ciro Sánchez indícanos como Nóvoa gustaba de almacenar leña para a cheminea: "Tardes lluviosas y frías: el rito de preparar el fuego para el encuentro con el calor y la luz. Encuentro con la lectura, y sobre todo, para meditar frente a las brasas que se van consumiendo lentamente, transformándose en ceniza".

No ano 2000, dez poetas reuníronse no Centro de Arte Atlántica, entre eles Xavier Seoane, que lle dedica estes versos: "Amigo Nóvoa,/ cando o home regresa á Ítaca da nenez/ após unha longa viaxe polas Américas do tempo,/ hai no limiar da porta/ que nunca se fecha/ unha presenza calada que convoca aos devanceiros".

O vindeiro 23 de febreiro fará oito anos do pasamento de Leopoldo Nóvoa García. Algún tempo despois da súa morte, en 2012, e cumprindo coa querenza que o artista tiña por Raxó, parte das súas cinzas incorporáronse a Ítaca, que para el era a praia de Sinás, comprendida entre a Laxe Pequena, onde estaba emprazado o trampolín, e a Laxe Grande na propia punta de Sinás.

Leopoldo Nóvoa deixounos dito: "La materia se transforma en energía por un lado, en ceniza por otro, nada se perdió".

* Historiador

Compartir el artículo

stats