Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Paciencia, ratos

Corría o dito polas bacias de Miño, Barbaña e Loña nas que me eu criei. "Paciencia, ratos, que o muíño ardeu!". Lembro os ratos, tamén chamados na miña terra leiróns, abrancazados pola fariña, que eles adoraban. Se tal, máis cincentos ca nunha debido ao matiz beige do farelo xenuíno. Cruzaban, furtivos, coma presentementos ou remorsos escusados, polas fendeduras dos muíños de maquía ou polos alfoces das aceas de roda árabe, con caneiro a cachón, que marcaban o territorio do meu Ourense natal por Oira, polo Ribeiriño da orela dereita, contra os coiñais da Chavasqueira. Árdelle o muíño ao muiñeiro, e os ratos están de loito e deben ter moita, moita resignación.

O réxime da Transición Española foi, abofé, modélico. Tanto como proclaman os seus beneficiarios. Ante a menor amósega de insurrección, os hóspedes do muíño alporízanse. Paciencia, ratos, díctalles a sabedoría popular das ribeiras fluviais de Ourense. Asoma o fuciño o cínico galego. Este, no fondo da sornamorna, defende a universalidade da infamia". Mudará o muiñeiro pero non mudará o ladrón, di o reaccionario conformista de fachada filosófica. Nas pasadas eleccións, o muíño albeiro e, sobre todo, o muíño de maquía, parece que está a mudar, se non de amo, polo menos de cachicán muiñeiro. Os muíños de viciños ou de herdeiros continúan en silencio e non moen nin parece que vaian aínda moer. Polo tanto, a muiñada, e a muiñeira, e o moceo a carón do troupele-tróupele da escuma e da moa non parece que vaia resucitar. Pero si que o maquieiro, o que cobra longos beneficios, e abusivos, está preocupado. Coma os ratos, o propietario e o seu servidor legal temen moito que os que gañaron as eleccións pasadas os obriguen a pactar unha maquía de novo tipo. Non esquenzan os lectores o Poema del Cid, sobre todo agora que a extrema dereita se amosa apaixonada da Historia de España. O Cid veu do nada, pero era fillo dun muiñeiro de maquía. Terminou vencendo os mouros africanos enfebrecidos e sendo señor de Valencia. O Cid Campeador foi un independentista irreductíbel, e o mesmo rei o botou fóra de terra por moito que el leal lle fixese protestas de fidelidade.

Están tan furiosos os depositarios das derradeiras vontades monárquicas do Caudillo e dos pactos da Reforma deseñados polos EEUU e polo Carrilismo e por Felipe González, que meten medo. O que esquecen, uns e outros aproveitados, é que sempre, nas galerías máis fondas do PSOE, hai unha masa vermella que é a que na guerra de España representou, con honor, o doutor Negrín. Seguindo na liña de interpretación da Historia que parece estar de moda, o rol de Azaña no Frente Popular e nas relacións con Cataluña é o que interpréta hoxe brillantemente Pablo Iglesias. De momento: paciencia, ratos. No universo Galeuzka non arderon os nosos muíños.

Compartir el artículo

stats