Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Mestre Albalat

Nun tempo crítico que coincidiu coa primeira fase do réxime franquista, houbo quen pensou que o nacionalismo granítico, barroquizante e neorrománico, debía seguir a constituír o paradigmo da nosa grande arquitectura. Pero non, morto o ambiguo Palacios e marxinado polos poderes reximentais Gómez Román, resultou que a nación galega seguía a necesitar unha lingua artística que tivese máis que ver con Manuel Antonio redivivo ca co Cabanillas máis do convento de Samos. E así aflorou a obra de Andrés Fernández-Albalat Lois, home ancorado na Rúa do Príncipe da Coruña, fronte por fronte coa casa que ocupara un tempo Rosalía de Castro.

Fun feliz cando meu amigo César Portela me informou, en termos políticos, de que a liña profisional do gramio de arquitectos era escinir o Colexio seu, radicado en León, e fundar un propio de Galicia. En rigor, a tarefa non foi doada pero Fernández-Albalat, que estaba, se non lembro mal, ao frente do Colexio de León, prestou o lombo e as dúas mans, e a operación resultou todo un éxito. Tanto, que o primeiro presidente do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia foi Andrés Fernández-Albalat. A súa traxectoria profisional é xurdia.

A min, probe observador, fascinoume o seu soño de Cidade das Rías. Borobó diulle publicidade, con caracter explosivo e perentorio, en La Noche de Santiago. Claro que era un desafío ao proxecto histórico nacionalista que vía en Vigo a capital da Galicia futura. Pero tamén representaba a máxima coesión entre a natureza, o Leabar Gabhala, a veciñanza en latitude con Nova York e a integración das parroquias e cidades do Noroeste de Galicia co seu paso da fractalidade á cohesión. E á centralidade sen fuxir endexamais da aldea, que pervivía no plan gloriosamente iluminada.

O problema dos arquitectos son os ricos e os príncipes que os contratan. Albalat tivo habelencia e seguramente sorte cos tratos nos que tivo que lidar, como arquitecto, cos seus contratadores. E co convenio que tivo que facer coa tradición galeguista e coa adición ao granito que padecía. A introducción das materias contemporáneas (metais, betón, cerámicas) nunha construcción integrada na tradición arcaica e laberíntica e máis co arredor tradicional e natural e complicadamente minifundista e agrario e xeolóxico imponente e dictatorial, todo, todo, fixo emerxer o grande arquitecto Fernández-Albalat. Que dominou a situación de mudanza e comprendeu a idea inicial do Laboratorio de Formas de Galicia, sendo, por súa vez, comprendido por Luis Seoane e por Días Pardo e por nosoutros os inadaptados daquela.

Obras son amores, e aí as están as de Albalat. Descanse o mestre e amigo, con quen convivimos, fugaz e cordialmente, o tempo dun sospiro na Rúa das Tabernas.

Compartir el artículo

stats