Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

No Día de Inocentes

"España es portadora de valores eternos"

José Antonio Primo de Rivera

Deflágrase un novo incendio propagandístico contra China. Trátase de amolecer o corazón dos inocentes do mundo alertando da persecución que no vello Turqueskán Oriental (hoxe Xinjian Uygur; un tempo atrás, Sinkiang) disque están a sofrir os musulmáns. Sendo eu neno, lía unha revista moi interesante dos xesuítas misioneiros, titulada "Catolicismo". Lembro unha excelente reportaxe sobre a imposición do Islam que sofriran os budistas naquelas terras altas de China. As fotos representaban estatuas de Buda ás que os islámicos lle cortaran a cabeza. Todo parece indicar que, atemperado o neoliberalismo de rúa en Hong Kong, e visto que os católicos desconectados en toda China do Vaticano non se prestan a ser manipulados co que Kipling chamou "Grande Xogo", os Estados Unidos recorren ao Islam. Uns poucos inocentes acreditaron aquí na potencia revolucionaria antiimperalista do Islam.

Certo que este carácter e esta fortaleza ten tal vistude en Irán aínda que os efectos non poidan ser permanentes. Despois de coñecerse a alianza de Al Qaida, ou Isis, ou o que sexa, con Israel, e este estado íntimo da nación norteamericana en todas as primaveras árabes e terrorismos que se lanzaron contra Siria, os inocentes foron perdendo a pureza. O estado árabe progresista e secular do Irak foi destruído e o seu presidente enforcado até morrer. Escartelaron Libia e reduciron a anacos o corpo de Gaddafi.

Antes, o estado neutralista e laico de Afganistán, foi retraído á Idade Media por acción dos talibáns que manexaba a CIA. Esta axencia activou os chechenos contra calquera intente de que Rusia volvese ser grande. Os chechenos non loitaban pola súa independencia nacional. Levaban, lembren ben, tirelos na fronte cun letreiro en árabe no que podía ler todo o mundo islámico a grande tautoloxía: "Só Deus é Deus". Pero os desfiles da Victoria en Moscú comezaron a facer ondexar de novo a bandeira vermella coa fouce e o martelo.

Coa excepción persa, e algunha outra como a que rexe nos territorios ocupados de Palestina, o Islam traballa, nas súas versións armadas e políticas máis virulentas e almorábides, como elemento de choque ou lexión estranxeira ou cipaia colonial de EE UU, Israel e as monarquías petroleiras tamén muslimes.

Ninguén se lembra do Frente Moro, aínda que o chamarse así, en castelán, debería emocionar até as bágoas o españolismo delorido pola ida de Cataluña. Pero non. Os "moros" combaten contra un aliado dos EE UU, ou máis ben semicolonia: Filipinas. O que interesa é Sinkiang ou Turkestán chinés. Acendendo a disidencia musulmana en China pensan os servizos norteamericanos que arrincan do peito a espiña da súa derrota política e militar en Siria. O Islam en canto opío perdeu moito no mercado dos valores eternos.

Compartir el artículo

stats