Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna libre

O retorno dos cantos perdidos

O día da Epifanía do Señor ante os magos de Oriente constitúe unha das festividades máis importantes da relixión cristiá no contexto hispánico, cuxas orixes se atopan na narración da visita de tres sabios de Oriente ao neno Xesús, relatada no evanxeo de San Mateo. Na Galicia rural, a celebración do día de Reis conta cun profundo arraigamento, mais a forma na que actualmente se vive este día mudou radicalmente nas últimas décadas.

Á parte de tradicións locais como por exemplo as celebradas na Mezquita, na práctica totalidade do rural galego eran característicos os cantos de Reis. Segundo o antropólogo Manuel Mandianes, aínda a comezos da década dos anos oitenta os mozos e mozas de Loureses (Os Blancos) xuntábanse o día cinco de xaneiro, pola noitiña, para ir cantar os Reis ás casas dos veciños pedíndolles o aguinaldo. Os cantos consistían en estrofas de orixe anónima e popular, conservadas e transmitidas de ano en ano e que se cantaban con acompañamento instrumental cando no grupo de mozos había algún músico. Nestes casos, adoitaba haber unha gaita e instrumentos de percusión, aínda que nalgunha zona raiana tamén había acordeón. Se ben é certo que en cada lugar existían uns cantos de Reis propios, a temática era moi similar en todos eles e a música caracterizábase pola súa sinxeleza. Xeralmente rememoraban a chegada dos magos de Oriente a Belén e a entrega dos seus aguinaldos ao neno Xesús, mais tamén había estrofas que louvaban a nobreza da casa para a que estaban cantando, antes de proceder á petición do aguinaldo. Unha vez finalizado o canto, os veciños achegábanlle aos mozos os seus regalos, que comunmente consistían en noces, figos e ovos que se empregarían para preparar o banquete do día seis, aínda que nas casas máis podentes tamén cabía a posibilidade de que agasallasen chourizos ou diñeiro.

Ademais de rememorar a vida de Xesús e de contribuír a marcar o ritmo do calendario anual, os cantos de Reis cumprían unha importantísima función a nivel social. Pois ao tratarse de festexos de carácter aberto e organizados polos mozos cun certo aire de espontaneidade, supoñían unha ocasión máis para reforzar e mostrar a cohesión veciñal mediante o ocio. Sen embargo, a celebración dos Reis foi mudando paulatinamente ao compás dos cambios socioeconómicos producidos dende a segunda metade do século pasado, de maneira que na actualidade apenas queda nada do descrito. Por unha banda, a emigración da poboación nova do rural, xunto coa difusión do automóbil e a facilidade de acceso a unha maior oferta de ocio fóra da aldea e da parroquia, propiciaron o debilitamento e a posterior perda dos tradicionais cantos de Reis. Por outra banda, a decadencia da práctica relixiosa no rural contribuíu a que a celebración dos Reis se fose trasladando en maior medida dende os espazos sagrados (igrexas) aos espazos profanos. Agora, os festexos públicos típicos para celebrar os Reis no rural son as cabalgatas, celebracións sen contido relixioso que se realizan ao aire libre ou en instalacións municipais, como por exemplo en pavillóns deportivos. Son organizadas dende o concello a imitación das cabalgatas que se celebran nas cidades e forman parte da programación de Nadal destinada ao público infantil, sendo común acompañar a chegada dos Reis Magos con música tradicional, inchables e degustación de chocolate e roscón de Reis. A este respecto, tamén é posible atopar -cada vez con maior frecuencia- Cantos de Reis na programación de Nadal dalgúns concellos rur ais, eventos que permiten a difusión dos cantos de Reis tradicionais e o seu achegamento ás xeracións máis novas, pero que están descontextualizados no tempo e no espazo.

A chegada das cabalgatas de Reis ao rural galego supón unha manifestación máis da difusión do modelo de vida urbana na Galicia rural. Estas celebracións racharon por completo coa lóxica dos festexos tradicionais e reinventaron a función social que cumprían os cantos de Reis. Agora a veciñanza é chamada a acudir a un mesmo lugar e a unha mesma hora para participar de forma pasiva nun evento que, a pesares de estar destinado aos máis pequenos, convértese nun acto interxeracional, ao teren que ir acompañados de adultos. Á parte, dende o momento no que a celebración é organizada polo concello, apréciase nela unha función política, ao mesmo tempo que serve para reforzar o sentimento de pertenza ao municipio por parte dos veciños das diferentes aldeas e parroquias. Neste contexto, os cantos de Reis tradicionais pasaron a formar parte dun patrimonio cultural local que algúns concellos intentan poñer en valor a través da organización de cantos de Reis nas vésperas do día seis, engadindo, así, un elemento diferenciador á súa oferta de ocio no tempo do Nadal. Polo tanto, o único elemento que se conserva do festexo tradicional é o símbolo da gratuidade que representa a pasaxe do evanxeo, simbolizado mediante os caramelos que agasallan os Reis Magos aos nenos e que, en realidade, todos sufragamos.

(*) Sociologa

Compartir el artículo

stats